O COETG participa no foro de emprego da UVigo cunha experiencia de realidade virtual

xoves, 14 de marzo do 2019 Redacción

Onte arrancou unha nova edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, nas escolas de enxeñaría da Universidade de Vigo (Telecomunicación, Industriais e Minas) e até mañá venres 15. A xuntanza sobre talento universitario galego, que vai pola súa edición 19, contará coa presenza do Colexio e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), que participará no foro co desenvolvemento dun workshop baixo título Oportunidades profesionais e de emprego do Enxeñeiro de Telecomunicación. Experiencia de Realidade Virtual. Este workshop celébrase hoxe ás 12.00 horas na sala de xuntas da Escola de Enxeñería de Telecomunicación.
Durante esta activade darase a coñecer o Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia poñendo o foco na vertente profesional da enxeñería e mailo presente e o futuro do mercado laboral dos enxeñeiros de Telecomunicación desde o ámbito do COETG e da AETG, “creando unha dinámica de grupo cos alumnos presentes para ir dando resposta ás posíbeis cuestións, dúbidas e preguntas”, informa o COETG-AETG, que fará un convite aos asistentes a vivir unha experiencia inmersiva de Realidade Virtual que mostrará a historia das telecomunicacións e o rol fundamental dos enxeñeiros na transformación da sociedade.

PUBLICIDADE