O COETTGA insiste na seguridade para a saúde do uso do móbil

martes, 10 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Santiago Moroño, director técnico de Strelia Electrotecnia

O mes pasado a Axencia Nacional de Frecuencias (ANFR) francesa esixiu a Apple a retirada do iPhone 12 do mercado galo tras detectar medicións da taxa de absorción específica (SAR) destes dispositivos superaban amplamente os límites legais establecidos, e aínda que Apple conseguiu que se retirasen as restricións de comercialización do iPhone 12 grazas a unha actualización de software, dende o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA) decidiron tranquilizar á poboación encargando unha análise a un experto, salientando que o medo ante este tipo de problemáticas nace principalmente do descoñecemento, de aí que sexa importante a educación no ámbito tecnolóxico.
O estudo sobre a exposición radioeléctrica dos móbiles foi desenvolvido por Santiago Moroño, director técnico de Strelia Electrotecnia e vogal do COETTGA, quen asegura que «as directivas de seguridade europeas limitan a exposición ás ondas de radio emitidas por dispositivos electrónicos utilizados amplamente nas nosas vidas e actividades. O que se monitoriza é a enerxía emitida polo teléfono móbil que é absorbida de xeito non desexado polo noso corpo. Mídense os watts de radiofrecuencia que penetran en cada quilogramo de tecido biolóxico do noso corpo».
Moroño detalla que a normativa define que hai que medir a exposición en 3 situacións (co móbil xunto á orella, co móbil no peto e co móbil na man) e no caso do iPhone 12 só se detectou un valor anómalo no test de extremidades, onde o valor máximo admitido é de 4 watts/kg e detectouse un valor de 5,7 watts/kg. Pero o enxeñeiro destaca que a normativa marca unha marxe moi ampla, e a posibilidade de que existise algún efecto na saúde sería a partir de valores de SAR superiores a 40 watts/kg, de aí que o incidente non debería preocuparnos en absoluto, sendo o iPhone 12 un dispositivo totalmente seguro.
Dende o COETTGA salientan que, despois de máis de 30 anos de intensas investigacións en todo o mundo non se atoparon relacións claras entre as exposición ás ondas de radio e enfermidades, polo que deberíamos estar tranquilos. De calquera xeito, aplícase o principio de precaución, e aseguran que os facultativos que pertencen ao COETTGA realizan cada ano en Galicia máis de 4.000 medicións de exposición radioeléctrica, para garantir a protección da saúde e o cumprimento da normativa por parte dos operadores de telecomunicacións.