O CPEIG, a AMTEGA e a EGAP inician este martes a edición 2025 do Curso Superior de Administración Electrónica
luns, 8 de setembro do 2025

- Fernando Suárez, presidente do CPEIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) inaugura este martes 9 de setembro a edición 2025 do Curso Superior de Administración Electrónica, organizado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia. O acto inaugural será ás 11:00 horas no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela.
Estará presidido polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. A continuación, celebrarase un relatorio maxistral, titulado Presente e futuro da Administración Electrónica, que será impartido polo colexiado de honra do CPEIG, Miguel Ángel Amutio.

- Miguel Ángel Amutio nunha imaxe de arquivo do Curso Superior de Administración Electrónica
Esta actividade ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da Administración Electrónica, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas administracións galegas. A dirección académica está a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Así, os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
Este curso superior desenvolverase do 9 de setembro ao 28 de outubro. Cun total de 114 horas lectivas, impartirase na modalidade semipresencial, con 30 horas de prácticas presenciais en Santiago de Compostela os días 9, 16, 23 e 30 de setembro e 14 de outubro na EGAP, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas de teleformación.
