O CPEIG, a ESEI e a FIC celebran este sábado a Hora do Código

venres, 16 de decembro do 2016 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), a ESEI e a FIC lembráronnos hoxe as máis que completas actividades que teñen preparadas para celebrar a Hora do Código (Hour of Code), unha iniciativa que abrolla da entidade estadounidense Code.org e que ten como obxectivo ensinar á rapazada programación e as bases da Informática. E todo partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. O miolo das devanditas actividades celébrase este sábado, en Ourense da man do CPEIG e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) e na Coruña (da man da Facultade de Informática da Coruña e o CPEIG). En ámbolos casos haberá obradoiros dunha hora de duración para abordar diversos eidos relativos á construción das tecnoloxías.
En Ourense
En horario de mañá, celebraranse no dito centro de Ourense estes obradoiros: unha hora de código para os máis pequenos, robótica para o alumnado de ESO e Bacharelato, impresión 3D para todas as idades e obradoiros de drons para alumnado de Bacharelato. A previsión é que asistan 143 nenas e nenos ás diversas actividades, máis 60 acompañantes adultos.
A benvida institucional e os sorteos de kits de robótica, robots Zowi e lapiseiros 3D está prevista para as 11.50 horas, no salón de graos da ESEI. Asistirán Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense da UVigo, Francisco Javier Rodríguez Martínez, director da ESEI, e Juan Otero Pombo, vicepresidente do CPEIG.
Segundo lembra o colexio, as actividades da Hora do Código programadas polo CPEIG e a ESEI están deseñadas para un amplo abano de idades: dos 6 aos 17 anos.
O obxectivo da iniciativa é estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación.
Na Coruña
A Facultade de Informática da Universidade da Coruña (FIC) acolle este sábado 17 de decembro, de 11:30 a 13:30h, as súas celebracións da Hora do Código. Segundo informa a Universidade, uns cen escolares inscribíronse de balde para participar nesta actividade que ten como obxectivo “aprender conceptos fundamentais de programación, dispoñendo para iso de bloques lóxicos que, amoreándose nunha orde axeitada, poidan realizar unha acción concreta, como mover un personaxe nunha escena ou debuxar unha forma”.
Segundo engade a UDC, os participantes deberán acudir en compañía dun adulto serán distribuídos en grupos asistidos por un monitor que dirixirá e orientará as actividades. A Universidade tamén lles recorda a aqueles que non poidan acudir presencialmente que poderán participar a distancia a través de Code.org e probando algún dos titoriais dispoñíbeis: Minecraft, Star Wars, Frozen, e Flappy entre outros.
O evento da Universidade da Coruña está organizado polas facultades de Informática e Ciencias de Educación e a ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e os colexios profesionais de Enxeñaría en Informática de Galicia, de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia e de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia.
A Hora do Código
A Hora do Código a nivel internacional está organizada por Code.org, unha organización pública sen fins de lucro dedicada a promover as ciencias da computación en escolas e institutos, cunha especial atención en incrementar o número de mulleres e estudantes de colectivos minoritarios que aprenden a programar. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg.
Code.org é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.

PUBLICIDADE