O CPEIG abre a convocatoria para participar no seu quinto certame de postais de Nadal

xoves, 17 de novembro do 2016 Redacción

Co Nadal á volta da esquina a idea de enviar unha postal orixinal para felicitar estas datas comeza a bulir no maxín e o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) tamén se une á este costume e vén de convocar a quinta edición do seu Concurso de Postais de Nadal. O dito certame está encamiñado a nenas e nenos de Infantil ou Primaria, cun máximo de 13 anos de e que sexan familiares das persoas colexiadas. O prazo para presentarse ao certame ábrese o día 17 de novembro e rematará o día 8 de decembro (ás 23:59 h). A postal gañadora será a felicitación oficial do Colexio para estas festas.
E indo ao concurso en cuestión, a técnica a empregar é libre (pinturas, témperas, ceras, collage...), o formato pode ser vertical ou horizontal. As candidaturas enviaranse por correo electrónico ao enderezo habilitado indicando os datos correspondentes (nome, apelidos, teléfono, idade da/o nena/o) e adxuntando a postal dixitalizada en formato jpg ou png, cunha resolución mínima de 300 puntos por polgada. O CPEIG enviará no prazo máximo de 24 horas un correo electrónico confirmando a inscrición da postal no concurso. Os debuxos non poden conter ningún sinal que permita identificar a autoría.
En canto ao xurado, dicir que estará composto por un mínimo de 3 persoas; calquera colexiada/o que non presente candidaturas e así o solicite poderá formar parte do mesmo; valorarase a creatividade e o tema proposto; os membros do xurado descoñecerán a autoría das postais; cada membro do xurado asignará 5, 4, 3, 2 e 1 puntos ás que considere as 5 mellores postais; o traballo que obteña a maior puntuación será o gañador (no caso de empate, a obra gañadora decidirase por sorteo).
A decisión final do xurado farase pública na web do colexio antes do día 12 de decembro, a postal gañadora será a empregada como felicitación de Nadal do CPEIG para 2016 e o gañador ou gañadora recibirá unha tableta de 10 polgadas.

PUBLICIDADE