O CPEIG achegou aos usuarios de Down Compostela ás vantaxes das TIC e aos seus posíbeis malos usos

luns, 1 de xuño do 2015 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, achegou o venres pasado unha charla sobre seguridade na Rede na sede da Fundación Down Compostela. A charla do presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia tivo como obxectivo formar aos usuarios e usuarias do servizo de Inclusión Social e Laboral da Fundación no uso das novas tecnoloxías, facendo especial fincapé no potencial destas para mellorar nas persoas as súas capacidades de aprendizaxe e de comunicación. Tamén salientou as oportunidades que brindan as novas ferramentas para mellorarmos as nosas posibilidades de inclusión.
A charla tivo a súa orixe na aposta de Down Compostela por tirar partido das ferramentas da Sociedade da Información con vistas a mellorar a formación dos seus membros (máis dun centenar de persoas). Asemade, respondeu ao interese da entidade santiaguesa por optimizar o uso que se lles dá ás devanditas ferramentas, garantindo a máxima autonomía dos usuarios e a meirande seguridade nas súas comunicacións. Segundo sinala a fundación acerca desta aposta, trátase de formar a este colectivo que representa Down Compostela cos coñecementos precisos para optaren os seus membros a un posto de traballo nunha contorna normalizada na que o manexo da Rede resulta crucial. En base a isto, a charla do CPEIG convocouse para “poder aproveitar os recursos que ofrece a Rede e que axuden a concienciar aos usuarios e usuarias da necesidade de adoptar as medidas de seguridade axeitadas no uso das novas tecnoloxías”. A charla informativa impartida por Fernando Suárez representou un novo paso neste obxectivo de normalización TIC.

PUBLICIDADE