O CPEIG alerta do aumento de calotes no Black Friday pola irrupción da IA xenerativa

mércores, 19 de novembro do 2025 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia advirte de que a chegada do Black Friday e do Ciberluns, datas marcadas polas compras en liña e polo incremento do consumo previo ao Nadal, vén acompañada dun aumento das ciberestafas. Segundo o CPEIG, a extensión da intelixencia artificial xenerativa está a facilitar que os delincuentes dixitais elaboren enganos cada vez máis convincentes, dende anuncios hiperrealistas ata vídeos falsos protagonizados por influencers recoñecidos.
Fernando Suárez, presidente do CPEIG, lembra que «as mesmas tecnoloxías que permiten crear contidos, imaxes ou vídeos realistas en cuestión de segundos están sendo utilizadas polos ciberdelincuentes para perfeccionar os seus fraudes». O responsable do Colexio explica que, en campañas masivas como o Black Friday, a IA convértese nunha «ferramenta poderosa» para enganar con maior credibilidade e rapidez, polo que insta a extremar a prudencia diante de mensaxes, vídeos ou anuncios que parecen auténticos, pero que puideron ser xerados artificialmente.
Para afrontar esta nova realidade, o CPEIG detalla varios riscos emerxentes asociados á IA xenerativa durante as compras en liña. Entre eles menciona os descontos sospeitosos que enlazan con páxinas imitadas cunha precisión profesional, os deepfakes nos que persoas coñecidas animan a mercar en tendas fraudulentas, ou os chatbots que se fan pasar por servizos de atención ao cliente para solicitar datos persoais ou bancarios. Tamén alerta de correos de phishing redactados sen erros grazas á IA, de críticas ficticias que inflúen nas decisións de compra, de imaxes de produtos inexistentes elaboradas artificialmente ou de campañas publicitarias personalizadas a partir de datos extraídos das redes sociais.
O Colexio recomenda verificar sempre a orixe das ofertas, confirmar a autenticidade das páxinas web antes de facer un pago, desconfiar dos contidos virais que non procedan de canles oficiais e evitar compartir información dubidosa que poida contribuír á difusión involuntaria de fraudes. Con estas pautas pretende reforzar a protección da cidadanía nun momento no que a tecnoloxía tamén serve de ferramenta para novos métodos de engano.
A entidade lembra que a prevención segue a ser a mellor defensa e que unha actitude crítica fronte ás ofertas e mensaxes que chegan por correo, mensaxería ou redes sociais é esencial para reducir riscos nunha das semanas de maior actividade comercial do ano.