O CPEIG celebra este venres 27 a súa XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

xoves, 26 de xuño do 2025 S. P.

O CPEIG celebra este venres 27 de xuño a XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, unha gala que terá lugar no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, a partir das 19:00 horas, e na que se entregarán os premios anuais da profesión. Está previsto que máis de 400 convidados asistan ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais do sector. A través da Noite, o CPEIG pretende “mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiras/os en Informática dentro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”.

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

Esta décimo sétima edición será inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, e contará coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos López-Prado; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo Queijo; e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao Abad; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.

O presentador: Goyo Jiménez

A gala será conducida polo humorista e actor albaceteño Goyo Jiménez, un creador artístico coñecido por colaborar en diferentes programas de televisión, pero, sobre todo, grazas a súa faceta como cómico ou monologuista de stand up comedy. A súa andaina artística comezou de forma precoz, pois xa aos catorce anos se sube ao escenario en numerosas ocasións, e, aos dezaseis, tiña gañado varios premios ou mencións de interpretación, literatura, fotografía ou vídeo. Pero é o mundo da escena o que máis chama a súa atención, e é por iso que crea, aos dezasete anos, a súa propia compañía teatral, coa que chega a estrear tres obras da súa autoría e dirección. Nesa época completa a súa formación estudando Dereito na Universidade de Castela A Mancha e Arte Dramático na RESAD (Real Escola Superior de Arte Dramático) de Madrid. De forma simultánea, traballa como actor profesional de teatro e, desde entón, non deixa de acumular unha vasta e frutífera traxectoria interpretativa no escenario con diversas compañías e encarnado a personaxes de todo tipo”.
A fama chégalle a Goyo Jiménez con El Club de la Comedia, e de aí comeza a protagonizar con moito éxito diferentes espectáculos como 5hombres.com, 5hombres e mujeres.com, Noche de Cómicos ou Los Irrepetibles de Amstel. Tamén crea e dirixe doce producións de teatro das que se realizaron máis de novecentas representacións, así como seis espectáculos de stand-up comedy: ¡Aiguantulivinamerica!, #alfinsolo, En verdad os digo, Evoluzión, By the way e Más Díficil Todavía, cos que superou a cifra do millón de espectadores. Actualmente está representando Misery Class.
No cine protagonizou varias curtametraxes e tamén longametraxes con papeis secundarios en las películas Clara, no es nombre de mujer, de Pepe Carbajo; Torrente 4, de Santiago Segura (tamén colaborou no guión), e El Pregón. Tamén formou parte de numerosos proxectos de televisión como monogolista en Nuevos Cómicos (Paramount Comedy) e en El Club de la Comedia, e como presentador e colaborador noutros programas. A radio tampouco quedou á marxe, e posúe unha extensa experiencia radiofónica. Actualmente, colabora en Más de Uno, con Juan Ramón Lucas en Onda Cero.

Vertente musical

A Noite tamén contará coa actuación dun grupo de magos que animarán o cóctel e a música do grupo boirense D’’Crooners Band, composto por Juan Ortega, Marcos Outeiral, Michael J. Rey e Marcos Gómez que engancharán ao público interpretando os grandes éxitos do século XX.

Premios

Premios Premio Iniciativa Emprendedora
O galardón recaeu en Galnix, o primeiro punto neutro de intercambio de tráfico de datos en Galicia. A iniciativa, impulsada polas empresas galegas cloud.gal, Norvoz Telecom e Rede Aberta, busca mellorar o acceso a Internet e fomentar a transformación dixital no tecido empresarial galego, sobre todo en zonas rurais e entre as pemes.
Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática
O galardón foi para a enxeñeira informática Josefina Alonso pola súa “excelencia e innovación” no sector tecnolóxico. Cunha sólida formación en enxeñaría informático, o CPEIG destaca a súa traxectoria profesional na que liderou proxectos de transformación dixital e promoveu a adopción de metodoloxías áxiles en diversas organizacións.
Premio Traxectoria Profesional
O galardón concédese ao doutor en Informática Luis de Salvador, director da División de Innovación Tecnolóxica da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) desde 2019, polo seu “rigor e visión” no desenvolvemento das orientacións para o uso de servizos tecnolóxicos por parte da sociedade, en especial por menores.
Premio Especial CPEIG-En memoria de Hernán Vila
Nesta categoría foi premiada a competición informática máis importante e antiga de España, a Olimpíada Informática Española. O certame, creado en 1997 pola Fundación Aula Escola Europea de Barcelona, pretende achegar a programación algorítmica a idades temperás.
Premio Iniciativa Empresarial
O recoñecemento foi para o CTAG, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, referente internacional en I+D+i aplicada á automoción e á mobilidade do futuro con máis de 20 anos de traxectoria, cun investimento acumulado superior aos 70 millóns de euros e máis de 1.000 profesionais.
Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino
A distinción foi para o Colexio Manuel Peleteiro de Santiago recibe o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino do CPEIG polo seu Plan de Benestar Dixital. Esta iniciativa, pioneira en Galicia, fomenta a “promoción eficaz dun uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía”, a través dun enfoque integral da súa comunidade educativa.
Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)
A distinción foi para Accenture, compañía tecnolóxica global con oficinas na Coruña e Vigo, que participa no Programa Nacional de Algoritmos Verdes para o desenvolvemento dunha IA sostible.
Premio Iniciativa da Administración
O recoñecemento recaeu na Consellería de Sanidade pola súa certificación no alto nivel do Esquema Nacional de Seguridade. É a primeira entidade nacional en obter esta autentificación para todos os seus servizos e en todos os centros sanitarios de Galicia, que garante á cidadanía a protección de datos sensibles e é un exemplo de excelencia na posta en marcha de medidas avanzadas de seguridade dixital.
Premio e-Inclusión
O recoñecemento recaeu no proxecto Neurocloud, da spin-off coruñesa Qubiotech, unha solución innovadora usa a Intelixencia Artificial para mellorar o fluxo diagnóstico de doenzas neurodexenerativas como o alzhéimer, o parkinson, a epilepsia ou a esclerose múltiple.
Premio Colaboración Interadministrativa
Recoñécese a colaboración público-privada co sector TI galego da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego na formación dos profesionais galegos a través do programa formativo do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, o máis relevante de todo o Estado.
Premio Colexiada/o de Honra
O catedrático emérito de Enxeñaría Química Juan Casares Long é o novo Colexiado de Honra. O CPEIG concédelle esta distinción pola súa contribución ao avance tecnolóxico de Galicia. Presidiu a Comisión Técnica de Informática de Galicia, foi o primeiro director do Centro de Supercomputación de Galicia, e o impulsor e responsable da posta en marcha de Meteogalicia.
Premio Traballo Fin de Máster
O enxeñeiro informático Santiago Noriega, da Universidade da Coruña, gaña este recoñecemento co seu proxecto TapIt, unha tarxeta de visita con tecnoloxía NFC para a nova era do networking profesional. Os finalistas, tamén da UDC, foron David Esteban, por un traballo sobre a personalización, explicabilidade e sustentabilidade en sistemas de recomendación, e Ángel Paderne, por un proxecto sobre un sistema de alta seguridade para a xestión privada dos datos médicos dos pacientes.
Premio 17º Aniversario CPEIG
A empresa global de solucións tecnolóxicas Unisys, cunha década apostando polo talento e a innovación en Galicia desde a súa sede de Santiago, foi distinguida co Premio 17 Aniversario do CPEIG. A compañía suma máis de 150 años transformando os negocios e mellorando a vida das persoas a través da tecnoloxía.
Premio Impulso Dixital Galicia
O proxecto QUORUM, destinado a promover a computación cuántica en España, foi distinguido con este recoñecemento. Un consorcio de entidades, liderado polo centro vigués Gradiant, uniuse para crear este entorno colaborativo e desenvolver talento e transferir coñecemento.