O CPEIG celebra mañá en Compostela a súa XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

xoves, 20 de xuño do 2024 S. P.

Fede de Juan será o encargado de condudir a gala do CPEIG

Mañá, venres 21 de xuño, é a data na que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará a XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, unha gala que terá lugar no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, a partir das 19 horas, e na que se entregarán os premios anuais da profesión. Arredor de 400 convidados e convidadas asistirán ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do eido empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais do sector.
A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende amosar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.
O encargado de abrir esta décimo sexta edición será o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e contará coa asistencia do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galician (AMTEGA), Julián Cerviño; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo; o director xeral do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), Félix Barrio; o director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Lois Orosa; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao; e o alcalde de Ames, José Blas García; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
O presentador desta gala será o imitador e humorista Fede de Juan, que contará coa actuación do músico portugués Nuno Louro, que versionará hits de grandes bandas e artistas do pasado e do panorama actual e un espectáculo sorpresa para pechar o evento.

PUBLICIDADE