O CPEIG celebra o Día da Internet das Cousas con indicacións sobre a seguridade na IoT e a IA

luns, 7 de abril do 2025 S. P.

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

Co gallo da celebración do Día Internacional da Internet das Cousas (IoT Day), que se conmemorará este mércores, 9 de abril, dende o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) achegan unha serie de indicacións á cidadanía para axudar a comprender e debater o papel da IoT na vida cotiá.
Neste senso, o CPEIG explica que Internet das Cousas é un proceso que permite conectar elementos
físicos cotiáns á rede, á vez que estes dispositivos se conectan coa nube e intercambian información entre si. Dada a velocidade de cambio e de innovación tecnolóxica coa que se vive arestora nun contexto global, o Colexio analiza os niveis de automatización e programación da Internet das Cousas cos que se enfrontan actualmente usuarios e empresas, chegando mesmo a influír en cuestións técnicas, sociais e económicas.
Indo á temática que se tratará este ano, será: a converxencia entre IoT e Intelixencia Artificial (IA), abordando os desafíos que marcarán o futuro desta integración. Seguindo esta liña, o CPEIG sinala que, coa rápida evolución da IA e a crecente interconexión de dispositivos, os desafíos de ciberseguridade, interoperabilidade e gobernanza son máis urxentes que nunca. “A seguridade nas
aplicacións da IoT e IA segue sendo un desafío global sen resolver. A comunidade tecnolóxica, as empresas e os gobernos debemos traballar en conxunto para garantir que a integración destas tecnoloxías sexa segura e beneficiosa para todos” –manifesta o presidente do CPEIG, Fernando Suárez–.
Engadiu Suárez que a IoT pode funcionar como panca para unha dixitalización “máis eficiente e sostíbel”. Resalta que a sensorización e a interconexión de dispositivos están permitindo optimizar procesos en sectores clave, como a industria, a saúde, a agricultura, ou a mobilidade, con impacto directo na eficiencia enerxética, o mantemento preditivo e a toma de decisións baseada en datos.
Fernando Suárez tamén salienta a importancia da ciberseguridade e a ética no ecosistema IoT. Sinala que a expansión da IoT tamén presenta desafíos importantes, como a seguridade nos dispositivos conectados, a protección de datos persoais e o desenvolvemento de marcos éticos e normativos que garantan un uso responsábel desta tecnoloxía.
O Colexio recoñece que as persoas usuarias non están actualizadas en canto aos riscos e teñen exposta a súa privacidade e información, polo que recomenda o asesoramento de expertos en ciberseguridade.
O CPEIG explica que os dispositivos conectados da IoT conforman un ecosistema complexo, composto por sensores, redes, estándares tecnolóxicos e normativos que integra a persoas, comunicacións e interfaces. Neste punto, o Colexio sinala que existen programas informáticos, as ameazas chamadas malware ou as secuencias de Exploit, que atacan estes dispositivos para executar accións sen o consentimento do usuario, causando dano e roubo de datos. Pero existen outras ameazas como son a modificación de información, a reprodución de mensaxes, a caída da rede, fallos dos sistema ou do dispositivo, filtrado de datos, ou a modificación dos dispositivos, entre outras. O CPEIG recomenda protexer o software, empregar prácticas contra vulnerabilidades e garantir a autenticidade e a integridade de parches futuros.
Por último, subliñan dende o Colexio que a falta de educación en seguridade é outro dos desafíos da IOT, xa que usuarios e empresas non están ben informados dos riscos e non toman as precaucións necesarias para protexer os seus sistemas e datos, deixando expostos os seus dispositivos a ataques e comprometendo a súa privacidade e a integridade da información. Así, o CPEIG recomenda recorrer a partners tecnolóxicos para un correcto asesoramento en ciberseguridade.