O CPEIG celebra o Día da Protección de Datos avogando pola educación dixital

xoves, 23 de xaneiro do 2025 S. P.

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), con motivo do Día Europeo da Protección de Datos que se celebra o 28 de xaneiro (data proclamada pola Comisión Europea, o Consello de Europa e as autoridades de Protección de Datos dos estados membros da Unión Europea), pon de manifesto a necesidade de que a sociedade estea informada e concienciada sobre os perigos aos que están expostos os usuarios de Internet.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, subliñou a necesidade urxente de reforzar a educación dixital e a implementación de medidas adaptativas de ciberseguridade. “O avance da Intelixencia Artificial Xenerativa e as tecnoloxías descentralizadas están xerando un entorno onde a privacidade dos datos e a seguridade da identidade dixital son máis vulnerábeis que nunca”, destacou, lembrando que “o uso da IAX non só permitiu crear ataques de phishing máis convincentes, senón tamén facilitou a automatización da recompilación de datos, aumentando a eficacia dos ataques dirixidos”. Ademais, o presidente colexial indicou que as tecnoloxías descentralizadas, como as que sustentan o metaverso e a Web3, presentan novos riscos, ao permitir transaccións e experiencias virtuais que carecen de regulacións claras sobre a protección de datos persoais.
Fernando Suárez tamén resalta a importancia de estar ao día cos avances normativos, como a Lei de Intelixencia Artificial da Unión Europea. Esta normativa obriga ás organizacións a garantir a privacidade e a seguridade desde o deseño dos seus sistemas, o que formula retos e oportunidades para todos os sectores.
Impacto na poboación: máis alá dos colectivos vulnerábeis
Aínda que tradicionalmente enfócase en nenos e persoas maiores, o CPEIG advirte que “o segmento de idade entre 30 e 55 años é agora un obxectivo frecuente debido ao seu perfil de usuario habitual de tecnoloxías como redes sociais e comercio electrónico”. A este respecto, Fernando Suárez engade que “a protección de datos non é só un dereito, senón unha responsabilidade compartida que debemos integrar na nosa cultura dixital”.
O dereito á protección de datos é un dereito fundamental amparado no artigo 18.4 da Constitución Española. Así, e de maneira xenérica, o CPEIG ofrece tamén unha serie de ciberconsellos á sociedade para facer un uso seguro da tecnoloxía.
Fernando Suárez, presidente do CPEIG, considera “de vital importancia” que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos. Estas recomendacións pretenden axudar a todos os usuarios a crear unha primeira e esencial barreira de protección fronte a ciberameazas, con consellos xerais sobre como evitar riscos cando se empregan as tecnoloxías:
-Non interaccionar con arquivos adxuntos procedentes de correos sospeitosos.
-Manter o sistema operativo actualizado (software, antivirus...) e non descargar aplicacións estrañas.
-Non conectarse a redes públicas e, no seu lugar, empregar unha rede privada virtual (VPN).
-Axustar a privacidade dos perfís en redes sociais.
-Sermos cautos á hora de conectar dispositivos extraíbeis a un equipo cando proveñen de terceiros.
-Avisar dos incidentes de seguridade.
-Saber que ata os smartphones apagados poden ser rastreados.
-Manter todos os plugins e extensións do navegador actualizados.
-Usar contrasinais complexas e únicas.
-Eliminar documentación sensíbel dos dispositivos mediante ferramentas de borrado seguro.