O CPEIG colabora coa USC no mestrado non presencial sobre protección de datos

luns, 13 de xullo do 2020 S. P.

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai colaborar na organización do Máster Non Presencial en Tratamento e Protección de Datos que impulsan a Universidade de Santiago e máis o Centro de Estudos de Seguridade, o CESEG, e que se celebrará entre outubro de 2020 e xaneiro de 2022. O seu obxectivo é optimizar e ampliar a formación dos titulados superiores que se encontren desenvolvendo (ou que pretendan desenvolver) a súa actividade profesional no eido da seguridade e na xestión e tratamento de datos, tanto en organizacións ou institucións públicas como privadas, sexan estas nacionais ou internacionais.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, forma parte do profesorado do mestrado que terá aberto o seu prazo de preinscrición ata o 31 de agosto. O labor formativo de Suárez, a día de hoxe director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense (e tamén director do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática), centrarase no módulo do mestrado adicado á análise de riscos e avaliación de impacto no tratamento de datos.
O mestrado tamén contará (entre outros) con Ignacio Alamillo Domingo (auditor de Sistemas de Información e director de Seguridade da Información certificado, CISM, por ISACA) ou Daniel Neira Barral, doutor pola Universidad de Santiago de Compostela (USC) e ex responsábel da Área de Transparencia, Acceso á Información e Novas Tecnoloxías do Valedor do Pobo.

PUBLICIDADE