O CPEIG colabora nunha xornada de ciberseguridade dirixida ás Forzas e Corpos de Seguridade
martes, 21 de marzo do 2023
O Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora na
celebración dunha xornada de formación
sobre ciberseguridade organizada hoxe martes pola Delegación do Goberno en
Galicia no Centro Obra Social ABANCA de Santiago (Auditorio de Cervantes). O
presidente do CPEIG, Fernando Suárez, participou na sesión inaugural da
xornada, presentada pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e na
que interviñeron o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez
Bugallo; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP),
Alberto Varela; o Xeneral Xefe da Garda Civil de Galicia, Miguel Ángel González
Arias; o Xefe Superior da Policía Nacional de Galicia, Ramón Gómez Nieto; e o
director de Prevención de Perda, Continuidade de Negocio e Seguridade de
ABANCA, Roberto Baratta.
Fernando Suárez
manifestou que a transformación dixital está ocorrendo a unha velocidade
vertixinosa, moito máis rápido que a capacidade humana para adaptarnos a novas
situacións, e os últimos avances como a web semántica ou o metaverso así o
corroboran. Suárez apuntou que “esta nova realidade é un escenario de todo o bo
que sabe facer o ser humano, pero tamén de todo o malo e o crime estase
aproveitando desa brecha entre a velocidade coa que avanza a tecnoloxía e a
capacidade das persoas para adaptarnos ao cambio”, destacando tamén a
importancia da ciberseguridade e que “non hai un minuto que perder, nin
escatimar recursos e coa imprescindible colaboración e intercambio de
información en tempo real”. Indicou que é fundamental concienciar ás persoas
sobre os novos comportamentos para a prevención e denuncia, pero tamén é
imprescindible proporcionar á sociedade as ferramentas que garantan esa
seguridade.
“Na última década,
as infraccións penais relacionadas coa ciberseguridade incrementáronse en
España máis dun 770%. Tamén houbo no Estado máis de 40.000 ciberataques diarios
en 2021, o que significou un incremento dun 125% con respecto ao 2020. En Galicia, as estafas telemáticas crecen a
un ritmo dun 50% anual. É previsible que esta evolución de carácter
practicamente exponencial se manteña, segundo advirte a Unión Europea”
–analizou–.
Ademais, matizou
que o CPEIG é consciente dos retos e oportunidades que se xeran ao redor da
ciberseguridade e apoiará iniciativas divulgativas como a celebrada hoxe e
outras como a creación da Rede Galega de Ciberseguridade, o Tegra (centro de
ciberseguridade creado por Telefónica e Gradiant), o capítulo galego da
asociación ISMS Forum ou o Nodo de Ciberseguridade de Galicia. A nivel
formativo, lembrou a creación do Máster Universitario de Ciberseguridade das
Universidades de Coruña e Vigo.
Todas elas
accións que contan coa colaboración do CPEIG, ao igual que na iniciativa para a mellora das capacidades dos
Corpos e Forzas de Seguridade mediante a formación no marco do Plan director ou
da creación das Equipos @, merecedores do Premio Iniciativa da Administración
da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia do CPEIG, celebrada en 2022.
“Galicia dispón de grandes profesionais e empresas tecnolóxicas e, en concreto,
no mundo da seguridade, polo que debemos situarnos como referente neste sector
e transmitir á cidadanía confianza no uso dos medios tecnolóxicos que forman
parte da nosa vida cotiá” –asegurou Suárez–.
A continuación
celebrouse unha mesa de debate dirixida a integrantes das Forzas e Corpos de
Seguridade do Estado (Policía Nacional e Garda Civil). Contou coa participación
da vogal da xunta de goberno do CPEIG, Pilar Vila Avendaño; ademais de contar
do responsable de ciberseguridade e CISO ABANCA, Carlos Pérez Saldaña; o
Inspector xefe da Policía Nacional, Santiago Reboyras Martínez; e o Sarxento 1º
da Gardia Civil e xefe de equipo APR contra a ciberdelincuencia na Coruña, Alberto
González Gómez.
Pilar Vila
Avendaño falou da cadea de custodia de evidencias dixitais, a súa necesidade
nos procesos xudiciais, ademais de comentar como obter, precintar, depositar e
clonar a información para poder dar garantías e defender a integridade da
proba.
Finalmente, a
xornada foi clausurada por María Rivas e a vicepresidenta da FEGAMP, María
Barral.