O CPEIG concede o seu Premio Ada Byron á doutora en Informática Virginia Mato
martes, 21 de abril do 2026
Un ano máis o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza o seu Premio Ada Byron da XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia de 2026. Desta volta a galardoada é a enxeñeira informática e doutora en Informática Virginia Mato Abad, que recollerá a distinción na XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o 12 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela.
Dende o CPEIG apuntan a Virginia Mato como unha enxeñeira que representa un “referente próximo e necesario”, cunha traxectoria que demostra que as mulleres poden acadar o éxito na enxeñaría, desmontando a idea de que a tecnoloxía é só cousa de homes. “Co seu exemplo inspira a nenas e mozas, animando vocacións e amosando ás familias que hai modelos a seguir. Premiala é un paso máis para desmitificar a profesión e fomentar unha sociedade máis diversa e inclusiva”, argumenta o Colexio.
Achegándonos á figura de Virginia Mato Abad (1982), dicir que é natural da Coruña, pero mudouse a Padrón sendo moi nena. É enxeñeira informática (2007) e doutora en Informática (2011) pola Universidade da Coruña (UDC). Segundo Virginia, como docente: “Trasladamos ao estudantado unha maior conciencia do impacto real que ten a tecnoloxía na sociedade. Xa non se trata só de desenvolver ferramentas, senón de entender para que se utilizan e como inflúen en ámbitos tan diversos como a saúde, a educación ou a sostibilidade”, indica. De cara ao futuro, Virginia Mato subliña que todo apunta a que a profesión evolucionará cara a perfís aínda máis interdisciplinarios, cunha combinación de competencias técnicas e habilidades como a adaptación, a creatividade ou a capacidade de análise. “A irrupción da intelixencia artificial xenerativa supón un reto que está transformando o xeito no que se aprende e se traballa, obrigando a reformular metodoloxías docentes e a poñer máis énfase na comprensión, o pensamento crítico e o uso responsable destas ferramentas. É unha profesión en constante transformación e adaptación”, engade.
Alén do seu rol académico, Virginia Mato sobresae polo seu firme compromiso social, co dirixindo desde novembro de 2021 a Cátedra ALDABA-WIB (Women, ICT & Business), unha cátedra interuniversitaria entre a UDC e a Universidade de Vigo (UVigo) que ten como obxectivo impulsar iniciativas que contribúan a dar visibilidade ás mulleres no mundo das TIC, promovendo vocacións tecnolóxicas e rachando estereotipos de xénero para que nenas e nenos poidan decidir o seu futuro profesional con información veraz e obxectiva.
Virginia Mato fala de proxectos importantes que levou a cabo a Cátedra nestes anos, como o Barómetro de brecha de xénero BBG-TIC, un estudo pioneiro para medir e analizar a brecha de xénero nos estudos tecnolóxicos en Galicia, achegando datos esenciais para a toma de decisións institucionais. Os datos recollidos polo barómetro expresan que nos últimos cinco anos a matriculación feminina en primeiro curso situouse entre o 12 % e o 19 %, este último dato no curso 2023/2024 sendo a maior matriculación feminina desde que se implantou o grao.
Esta baixa representación feminina ten, segundo Virginia Mato, implicacións graves no mercado laboral: perda de talento e competitividade. “Cando as mulleres non participamos nas carreiras TIC, o sector perde unha pluralidade de perspectivas esencial que empobrece a calidade da innovación. Unha tecnoloxía avanzada nace de equipos diversos e representativos. Tamén se perpetúan as fendas na tecnoloxía ao non responder ás necesidades de toda a sociedade. E, finalmente, unha brecha de oportunidades laborais e económicas, xa que as mulleres fican desprazadas dun mercado laboral con alta demanda e excelentes proxeccións”, asegura.
Asemade, dentro da Cátedra, Virginia Mato explica que se desenvolven outras iniciativas que abranguen distintas etapas, desde a infancia ata a universidade:
- O ALDABA TIC-Camp, un campamento tecnolóxico de verán na Facultade de Informática da UDC e na Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo. Está dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos e busca espertar vocacións desde idades temperás a través dun enfoque práctico e lúdico. (Desde o seu comezo no verán de 2023, participaron máis de 300 menores, dos cales un 80 % foron nenas).
- O VisibilizaTIC, un programa orientado a estudantes de ESO e Bacharelato que busca achegar exemplos reais de mulleres profesionais do sector TIC aos centros educativos, para que inspiren ás adolescentes a elixir carreiras tecnolóxicas.
- Vídeos pola igualdade nas TIC, un certame dirixido a estudantes de ESO para que, a través da creación de pezas audiovisuais breves, poidan reflexionar sobre estereotipos, acceso á tecnoloxía e expectativas de futuro coa súa propia linguaxe.
- Premios ao talento, unha iniciativa que busca recoñecer e dar visibilidade a proxectos universitarios (TFG ou TFM) que contribúen a reducir a brecha de xénero nas TIC, fomentando así a participación feminina e axudando a derribar barreiras no eido tecnolóxico.
Virginia Mato exerce na actualidade como profesora titular do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC, mais de ser a coordinadora da Mención de Enxeñaría de Software do Grado en Enxeñaría Informática.
