O CPEIG convoca a 16ª edición do Premio TFM en Enxeñaría Informática

luns, 24 de marzo do 2025 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a décimo sexta edición do Premio Traballo Fin de Máster (TFM) en Enxeñaría Informática. O galardón, que se entregará no marco da XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia o vindeiro 27 de xuño en Santiago (Hotel OCA Puerta del Camino), quere ser “un estímulo para os estudantes e titulados recentes no mestrado en Enxeñaría en Informática”, informou o Colexio que preside Fernando Suárez.
Tal como se recolle nas bases do certame, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en Informática que presentaran nunha universidade galega o traballo fin de máster da Enxeñaría en Informática nos anos 2023, 2024 e 2025. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do traballo, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 27 de abril ao enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura están dispoñibles en liña.
Mediante a organización deste premio, o Colexio busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíta. O TFM gañador recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os traballos recibidos e seleccionará o traballo gañador. O fallo farase público a través da páxina web e redes sociais do Colexio.