O CPEIG convoca a novena edición do Concurso de Postais para Nadal

venres, 4 de decembro do 2020 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) abre o prazo para apuntarse á novena edición do Concurso de Postais de Nadal, convocado para estimular (e premiar) a creatividade e o talento da rapazada e da mocidade de entre 3 e 18 anos.
Os participantes deberán ser familiares de persoas colexiadas. O número máximo de participantes por colexiado é de 3 persoas. Ademais, os grupos dividiranse en 2. Dunha banda competirán os rapaces de 3 a 12 anos e doutra, os adolescentes ( 13 – 18 anos). Segundo as bases do certame poderase utilizar a técnica que se desexe e os utensilios que sexan necesarios (cores, acuarelas, témperas).
A xunta do CPEIG elixirá a 2 gañadores. O primeiro recibirá unha tableta e a súa obra será a elixida para a felicitación destas festas, e o segundo, uns auriculares sen fíos.
As persoas que queiran participar poderán enviar as súas postais a informacion@cpeig.gal ata o 11 de decembro as 16:00 horas. Na solicitude deberán indicar os datos do candidato, ademais de anexar a obra con calidade e en formato jpg ou png. A decisión do xurado farase pública o 13 de decembro na web do Colexio.

PUBLICIDADE