O CPEIG dá consellos sobre ciberseguridade de cara ao Black Friday

luns, 20 de novembro do 2023 Redacción

As compras en liña seguen en aumento e con elas os ciberdelitos con ataques informáticos a diario a empresas e particulares, e de cara ao Black Friday dende o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) lembran que “a cidadanía debe ter moita precaución con ofertas demasiado atractivas, especialmente con campañas de phishing e enxeñaría social a través de SMS, WhatsApp e correo electrónico”.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, destaca que “ultimamente creceron moitísimo os cibercalotes” e “hai que desconfiar de mensaxes que non sexan lóxicas, ou mesmo daquelas que parecen lóxicas, pensando dúas veces antes de facer calquera acción como pinchar nunha ligazón. Debemos mercar en plataformas que dean garantías e utilizar tarxetas de crédito exclusivas para mercar online co fin de reducir o impactoa en caso de cibercalote”.
O CPEIG explica que unha das principais ciberameazas é o phishing, un tipo de estafa coa que os ciberdelincuentes rouban o nome de usuario e o contrasinal. Para protexerse contra un ataque de phishing, en lugar de facer clic na ligazón do correo electrónico, o CPEIG explica que o consumidor debe ir directamente ao sitio web da marca real e iniciar sesión aí. “O phishing é o punto de partida do 90% de ciberataques que se producen actualmente” –engade Suárez–. De igual forma, funcionan as estafas BEC (Business Email Compromise) que usan técnicas sinxelas de enxeñaría social para enganar aos usuarios.
O Colexio sinala que outra ameaza moi activa nestes días intensos de compras en liña é o smishing, unha mestura entre phishing e SMS no que se recibe unha mensaxe de texto simulando unha entidade de confianza. No caso do Black Friday, Fernando Suárez explica que poderían ser mensaxes de empresas de transporte que piden que se faga unha acción para conseguir os datos persoais.

Consellos de ciberseguridade do CPEIG para estar seguros na Internet

-Coidado cos sitios web falsos
-Utilizar só sitios seguros
-Utilizar unha tarxeta de crédito para comprar en liña
-Coidado cos correos electrónicos sospeitosos: Phishing
-Evitar as ofertas “demasiado boas para ser verdade”
-Desconfíe de correos electrónicos, fiestras emerxentes ou publicacións en redes sociais que prometan prezos mínimos.
-Usar contrasinais seguros
-Evitar as redes Wi-Fi públicas para ir de compras
-Ter o software actualizado e utilizar ferramentas antivirus e antimalware, devasas persoais, ferramentas de borrado seguro, etc.
-Supervisar os extractos bancarios para detectar actividades fraudulentas

PUBLICIDADE