O CPEIG e AMTEGA achegan aos profesionais do Dereito ás novidades en materia de protección de datos

mércores, 20 de setembro do 2017 Redacción

Achegar claves e resolver dúbidas sobre as cuestión xurídicas ligadas á información e as obrigas legais en materia de privacidade (propia e allea) é o gran obxectivo da Xornada sobre a adaptación da Lei de Protección de Datos ao Regulamento Europeo organizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
O evento, previsto para o 29 de setembro na EGAP de Compostela, contará coa presenza de relatores cunha ampla experiencia en materia legal e tecnolóxica, como Miguel Ángel Davara, catedrático de Dereito Informático e de Informática para Xuristas da Facultade de Dereito da Universidade Pontificia Comillas de Madrid (ICAI-ICADE), e Mar España Martí, directora da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD). A xornada está dirixida a xuristas e (tamén) a non xuristas.
Sinalar que a actividade insírese no convenio que o CPEIG mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). As persoas interesadas en asistir poden inscribirse en eventos@cpeig.gal.
Despois da presentación da xornada, que terá lugar ás 10.00 horas e na que participarán a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, o programa proseguirá cun relatorio a cargo de Miguel Ángel Davara, previsto para as 10.30 horas, e coa intervención de Mar España Martí, programado para o fío das 13.30 horas. A clausura celebrarase sobre as 14.00 horas, e contará coa presenza da directora de AMTEGA, Mar Pereira, e do presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Relatores
Segundo nos conta o CPEIG, Miguel Ángel Davara é doutor en Dereito e socio-fundador da firma de asesores xurídicos Davara & Davara, Asesores Xurídicos, especialistas en Dereito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Catedrático de Dereito Informático e de Informática para Xuristas da Facultade de Dereito da Universidade Pontificia Comillas de Madrid (ICAI-ICADE), é tamén coordinador da Área de Informática Xurídica de ICADE.
Davara é director do Master en Dereito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de ICADE e director dos Cursos de Doutorado en Dereito Informático na mesma Universidade. Tamén exerce como profesor da materia Implicacións socio-xurídicas das Tecnoloxías da Información na Escola de Enxeñaría Informática de ICAI. Asemade, o relator é membro do Grupo de Asesores Legais en Tecnoloxías da Información da Unión Europea en Luxemburgo (DG Sociedade da Información).
Pola súa Banda, Mar España é licenciada en Dereito pola Universidade Pontificia de Comillas, Máster en Protección Internacional en Dereitos Humanos pola Universidade de Alcalá e experta en xestión de entidades sen ánimo de lucro pola Fundación Luis Vives. É funcionaria de carreira do Corpo Superior de Administradores Civís do Estado na especialidade xurídica desde 1989. En canto á súa actividade académica, foi profesora do Máster de Protección Internacional de Dereitos Humanos da Universidade de Alcalá, profesora do Máster de Acción Política do Colexio de Avogados na Universidade Rey Juan Carlos e profesora colaboradora de Dereito Administrativo en ICADE. O CPEIG outorgoulle este ano o recoñecemento de colexiada de honra.
Baixo o seu mandato como directora da AEPD desde xullo de 2015, este organismo puxo en marcha un Plan Estratéxico con máis de 100 iniciativas que inclúe, entre outros puntos, o desenvolvemento de accións que favorecen a innovación e a confianza dixital, así como a realización de labores proactivos para detectar o impacto que poden ter os novos desenvolvementos tecnolóxicos na privacidade. Neste sentido, a Axencia creou a Unidade de Avaliación e Estudos Tecnolóxicos, que ten entre as súas funcións o establecemento de canles de colaboración tecnolóxica con universidades e grupos profesionais.

PUBLICIDADE