O CPEIG e AMTEGA inauguran este martes o Curso Superior de Administración Electrónica 2021
luns, 13 de setembro do 2021

- Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
O
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)
e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)
inauguran este martes 14 de setembro o Curso Superior de
Administración Electrónica, impulsado por ámbalas entidades.
Contarase coa presenza de Fernando Suárez, presidente do CPEIG, Mar
Pereira, directora de AMTEGA, e Sonia Rodríguez-Campos, directora da
Escola Galega da Administración Pública (EGAP). Tamén participará
na primeira xornada de actividades Miguel Ángel Amutio, director da
División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade do
Ministerio de Política Territorial e Función Pública, quen
ofrecerá un relatorio maxistral, baixo o epígrafe Presente e
futuro da Administración Electrónica. A cita será no salón de
actos da EGAP, en Santiago, a partir das 11.00 horas.

- Miguel Ángel Amutio ofrecerá un relatorio mexistral na inauguración do curso
Segundo
informan o CPEIG e AMTEGA, esta actividade formativa ten como
finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica e cunha
importante parte práctica, na concepción da eAdministración,
incidindo na relevancia que ten a súa implantación nos distintos
órganos da nosa terra. A dirección académica está a cargo do
presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Así, os contidos do programa
analizarán a dita cuestión desde distintos enfoques “para que o
alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e
prácticos en informática e en dereito”.
Este
curso superior, que servirá para dar formación a 50 empregados
públicos, desenvolverase do 14 de setembro ao 26 de outubro. Cun
total de 114 horas lectivas, impartirase na modalidade
semipresencial, con 30 horas de prácticas presenciais en Santiago de
Compostela os días 14, 21 e 28 de setembro e 5, 19 e 26 de outubro,
en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas de
teleformación.
