O CPEIG e AMTEGA organizan unha formación sobre blockchain e as súas aplicacións

xoves, 29 de setembro do 2022 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) inauguran o vindeiro martes 4 de outubro, unha formación sobre tecnoloxía de cadea de bloques. Farano coa xornada Mobilizando o mundo con Blockchain, que se celebra en horario de 10:30 a 13:30 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC (Avenida do Burgo das Nacións s/n. Santiago).
A formación organízase en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Vigo (UVigo), a Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo (ESEI) e Alastria, asociación esta ultima envorcada en fomentar a economía dixital a través do desenvolvemento de tecnoloxías de rexistro descentralizadas, ou sexa tecnoloxías blockchain.
Esta actividade encádrase no convenio de capacitación asinado entre o CPEIG e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
En modalidade mixta (presencial e teleformación), abordaranse as tecnoloxías de cadea de bloques con esta xornada inaugural e sesións de formación online que está previsto que se desenvolvan durante o mes de outubro para un máximo de 60 participantes.
Blockchain, segundo explica o CPEIG, é “unha tecnoloxía disruptiva que abre as portas a novos modelos de negocio, aporta confianza e automatiza procesos empresariais de todos os sectores, como acurtar os pagos internacionais de días a horas, asegurar a rastrexabilidade nas cadeas de subministro, chegando mesmo en algúns procesos a aforrar ata o 90% de custes de xestión de transporte e loxística”.
A tecnoloxía de cadea de bloques e o resto das tecnoloxías DLT son como “un xigantesco libro de rexistros que recolle todos os datos dun intercambio con valor”, apuntan dende o colexio, engadindo que “este gran libro está gardado de forma descentralizada nos nodos (ordenadores) da rede utilizada polo sistema, coa peculiaridade de que a información se replica por igual en todos os nodos”.

PUBLICIDADE