O CPEIG e AMTEGA pechan este xoves as xornadas Ciberseguranza Kids cunha sesión no GaiásTech

mércores, 25 de outubro do 2023 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñería en informática de Galicia (CPEIG), no marco do convenio de colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia, impartiu en outubro o ciclo de xornadas Ciberseguranza Kids por centros escolares de toda Galicia. Realizáronse sobre unha trintena de sesións de contacontos enfocadas en achegar aos máis pequenos o coñecemento dun uso seguro da Internet e fomentar un bo uso da tecnoloxía. A xornada de peche da actividade celebrarase mañá xoves, 26 de outubro, a partir das 15:30 horas no GaiásTech da Cidade da Cultura en Santiago. Asistirá o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Mestre Vide de Ourense.
O contacontos Ciberserguridade con Sofía mestura narración e ilustración, acompañado dun músico que toca o uquelele e canta unha canción relacionada co proxecto. É unha historia na que se conta dun xeito lúdico ao alumnado os perigos da rede e da ciberseguridade. Tras o conto, o alumnado poderá preguntar dúbidas sobre a temática.
Estas xornadas sobre ciberseguridade están enmarcadas no programa Tech Kids, actividade incluída na Estratexia Galicia Dixital 2030 e no Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital e realizada a través do convenio asinado entre o CPEIG e a Axencia para a realizacións de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das Tecnoloxías da Información en Galicia para fomentar a sociedade dixital.

PUBLICIDADE