O CPEIG e Educación suman forzas para impulsar no alumnado as competencias STEM

luns, 15 de xaneiro do 2018 Redacción

Contribuír a que abrolle e medre o talento tecnolóxico e dixital que toda a nosa mocidade leva dentro. Este é o gran obxectivo, en liñas xerais, do acordo que veñen de asinar (hoxe) o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Consellería de Cultura e Educación, un acordo que se insire na vertente máis formativa e divulgativa da actividade do colexio e que implica a renovación do acordo para continuar cos seus programas Navega con Rumbo e Programación nas Escolas. O obxectivo, en palabras das dúas entidades, “é mellorar as competencias dixitais dos estudantes así como asegurar que se desenvolven dun xeito seguro no ámbito tecnolóxico”. A alianza foi formalizada e presentada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e máis o conselleiro Román Rodríguez.
Segundo engadiron, un total de 250 centros escolares (colexios e institutos de toda Galicia) beneficiaranse este ano de accións específicas no eido da programación informática e no uso seguro dos recursos tecnolóxicos, postas en marcha pola Consellería en colaboración co órgano colexiado de Informática.
O acordo encádrase nunha das liñas da Estratexia de Educación Dixital 2020 da Consellería de Educación como é a de promover as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñerías e Matemáticas) entre a comunidade escolar galega, ao tempo de dotala dos recursos e as ferramentas precisas para o uso seguro da tecnoloxía.
Navega con Rumbo
Navega con rumbo, que xa vai pola súa sétima edición, abrangue tanto ao alumnado como aos docentes e ás familias, guiando ás crianzas cara a unha navegación segura, responsábel e útil en Internet e, deste xeito, previr que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso. Doutra banda, tamén fai partícipes aos pais, nais e profesores das recomendacións precisas e que, á súa vez, actúen como correa de transmisión.
Para tal fin, o Colexio de Enxeñaría en Informática encargarase de realizar xornadas divulgativas nos centros escolares Abalar de toda Galicia que chegará a uns 200 centros. Segundo lembran a Consellería e o CPEIG, dende que arrancou o programa no curso 2010/11, que xa se impartiu en 461 colexios e institutos e nas actividades realizadas ao seu abeiro, participaron arredor de 65.000 persoas, na súa maior parte alumnado. Ademais, o programa está apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas polo CPEIG e dirixidas a alumnos, familias e profesores, que poden descargarse a través do web www.navegaconrumbo.es.
Programación nas Escolas
Púxose en marcha no curso 2014/15 como unha acción pioneira para iniciar aos escolares no pensamento computacional e na programación informática. Uns 10 centros escolares de Primaria (que se suman aos outros 30 da primeira, segunda e terceira edición) beneficiaranse neste curso desta iniciativa na que as rapazas e os rapaces aprenden a programar dun “xeito lúdico e proactivo”. Para iso, ofrécenselles as ferramentas axeitadas para que comprendan que é un computador, como funciona, e como elas/eles mesmas/os poden crear sinxelas aplicacións interactivas, como videoxogos ou animacións, entre outros.

PUBLICIDADE