O CPEIG e Vitae asinan un convenio para fomentar a formación das e dos profesionais da Enxeñaría Informática

luns, 22 de setembro do 2025 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Vitae asinan un convenio de colaboración para ofrecer cursos formativos da consultora aos colexiados e colexiadas do CPEIG. O acordo foi subscrito este luns 22 de setembro polo presidente do Colexio, Fernando Suárez, e o socio director de Vitae, Marcos Carbonell.
Segundo explicaron, este convenio establece e regula, para os cursos formativos, un acceso preferente con condicións económicas favorables para as persoas enxeñeiras en Informática colexiadas no CPEIG. Deste xeito, Vitae realizará un desconto ao CPEIG en todos cursos en aberto que realice a consultora.
Vitae proporcionaralle ao CPEIG información da súa oferta formativa. E, pola súa parte, o CPEIG comprométese a difundir a información entre o seu corpo colexial.
Vitae é unha consultora galega de recursos humanos especializada en servizos de selección, formación e consultoría enfocados na área das tecnoloxías e sistemas de información e na área de RRHH. Vitae conta con ampla experiencia en formación e selección de perfís TIC.