O CPEIG e Vitae fórmannos en avaliación, selección e captación de perfís TI (este 23 de novembro)

luns, 13 de novembro do 2023 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a consultora galega de recursos humanos e dixitalización Vitae celebrarán o vindeiro 23 de novembro unha charla formativa gratuíta sobre como captar e reter aos profesionais TI, ademais de como avalialos e seleccionalos para retelos nas empresas, “debido a que no mercado TI hai moita máis oferta de emprego que candidatos dispoñíbeis, o que produce unha gran rotación nas empresas tecnolóxicas, sobre todo os perfís de desenvolvemento de software”, explican. A conferencia, impartida polo experto en contratación e socio director de Vitae Marcos Carbonell terá lugar no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago, en horario de 18:00 a 20:00 horas.
Marcos Carbonell dará as claves para realizar esta selección e captación de persoal TI desde dous puntos de vista: o científico, que proporciona a psicoloxía do traballo, e desde a visión dos recursos humanos para conseguir resultados fiables e perdurables no tempo. “Falarei máis da parte emocional que da racional, pois o lado emocional é o que decide cando un está a gusto ou non nunha empresa e cando toma a decisión de quedarse ou marcharse. Os profesionais informáticos conseguiron nos últimos tempos grandes logros, como o teletraballo, a flexibilidade horaria, semana laboral de catro días, autonomía, autorganización, altos salarios, capacidade de elección de empresas e proxectos adaptados ao seu perfil e intereses, formación ou beneficios sociais, entre moitas outras”, explica Carbonell.
O relator analizará os valores, as motivacións, a personalidade e os intereses destes profesionais TI, dentro de tres grupos profesionais; os técnicos, os xefes de proxecto e os directivos. Tamén comentará as ferramentas clave que utilizan as empresas actualmente para reter e captar aos profesionais TI, e os instrumentos que se implantarán no futuro.
Entre os seus logros, Vitae entrevistou a máis de 14.000 profesionais e formou a más de 33.000, o 95 % do sector TI, polo que se definen como unha consultora especializada no lado humano da tecnoloxía.
As persoas interesadas en asistir deben inscribirse na conta de correo informacion@cpeig.gal.

PUBLICIDADE