O CPEIG e Vitae ofrecen este xoves unha conferencia sobre como acadar os perfís TI que precisa a nosa empresa

mércores, 22 de novembro do 2023 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a consultora de recursos humanos Vitae, con sede na Coruña, Vigo e Madrid, celebran este 23 de novembro unha charla formativa gratuíta sobre como captar e reter aos profesionais TI, ademais de como avalialos e seleccionalos para retelos nas empresas.
Na xornada achegaranse recursos para encararmos un dos principais desafíos do mercado TI na actualidade, no que hai moita máis oferta de emprego que candidatos dispoñíbeis, “o que produce unha gran rotación nas empresas TIC, sobre todo os perfís de desenvolvemento de software”, explican as dúas entidades organizadoras. A conferencia, impartida polo experto en contratación e socio director de Vitae, Marcos Carbonell, terá lugar no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago, en horario de 18:00 a 20:00 horas.
Marcos Carbonell dará as claves para realizar esta selección e captación de persoal TI desde dous puntos de vista: o científico, que proporciona a psicoloxía do traballo, e desde a visión dos recursos humanos para conseguir resultados fiábeis e perdurábeis no tempo. “Falarei máis da parte emocional que da racional, pois o lado emocional é o que decide cando un está a gusto ou non nunha empresa e cando toma a decisión de quedarse ou marcharse. Os profesionais informáticos conseguiron nos últimos tempos grandes logros, como o teletraballo, a flexibilidade horaria, a semana laboral de catro días, autonomía, autorganización, altos salarios, capacidade de elección de empresas e proxectos adaptados ao seu perfil e intereses, formación ou beneficios sociais, entre moitas outras”, explica.
O relator analizará os valores, as motivacións, a personalidade e os intereses destes profesionais TI, dentro de tres grupos profesionais; os técnicos, os xefes de proxecto e os directivos. Tamén comentará as ferramentas clave que utilizan as empresas actualmente para reter e captar aos profesionais TI, e os instrumentos que se implantarán no futuro.
Entre os seus logros, Vitae entrevistou a máis de 14.000 profesionais e formou a más de 33.000, o 95 % do sector TI, polo que se definen como unha consultora especializada no lado humano da tecnoloxía.
As persoas interesadas en asistir deben inscribirse no mail informacion@cpeig.gal.

PUBLICIDADE