O CPEIG e a AMTEGA inaugurarán o 24 de setembro o curso superior en eAdministración da EGAP

mércores, 18 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

A Escola Galega de Administración Pública convocou unha nova edición do Curso superior de Administración Electrónica en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A actividade inaugurarase o vindeiro martes, 24 de setembro, cun acto de apertura de libre acceso no que intervirán (ás 11.00 horas no salón de actos da EGAP en Fontiñas, Santiago) a directora de AMTEGA, Mar Pereira Álvarez, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo.
A continuación, celebrarase un relatorio maxistral, titulado Presente e futuro da Administración electrónica, que será impartido polo director da División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, Miguel Ángel Amutio; e o analista independente e director de contidos de Retina do xornal El País, Jaime García Cantero.
O obxectivo do curso é afondar, “dende unha perspectiva técnico-xurídica e cunha importante parte práctica”, na concepción da Administración Electrónica, incidindo “na relevancia que ten a súa implantación nos diferentes entes públicos da nosa Comunidade”. Os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques o fenómeno da eAdministración para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
Este curso superior, que servirá para dar formación a 80 empregados públicos, celebrarase entre o 24 de setembro e o 22 de outubro e será impartido na modalidade semipresencial, con 30 horas presenciais en Santiago de Compostela e 84 en teleformación.
As entidades organizadoras da actividade engade é unha acción de balde e que vai dirixida ao persoal empregado público da Administración autonómica e das entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia que pertenzan ao grupos A1 e A2 do persoal funcionario ou aos grupos I e II do persoal laboral.

PUBLICIDADE