O CPEIG e a AMTEGA inician un curso de coñecementos avanzados sobre eAdministración para empregados públicos

martes, 14 de setembro do 2021 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) inauguraron este martes 14 de setembro a décimo primeira edición do Curso Superior de Administración Electrónica 2021. O acto celebrouse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, presidido pola directora da AMTEGA, Mar Pereira; a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Contou tamén coa presenza de Miguel Ángel Amutio, director da División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade (Goberno central), quen ofreceu un relatorio maxistral.
Na inauguración, Fernando Suárez louvo a importancia de transformar a xestión, a comunicación e o funcionamento interno das entidades públicas e dixo que “no momento actual, marcado pala pandemia da COVID-19, a informática permitiu soster a educación, a economía, as relacións persoais, e por suposto o funcionamento da Administración Pública, unha importante lección coa que se demostra que a dixitalización permítenos achegar as organizacións públicas ao cidadán”.
Para reforzar a devandita idea, o presidente do CPEIG analizou os obxectivos da Axenda España Dixital 2025, centrada no impulso da transformación dixital que axudará ao desenvolvemento do Estado, co despregue da 5G, o reforzo da ciberseguridade, a dixitalización das administracións e das empresas, o desenvolvemento da economía do dato, a Intelixencia Artificial e os dereitos dixitais da cidadanía, entre outros. “Esta axenda marca que en 2025, o 50% dos servizos públicos estarán dispoñíbeis en aplicación móbil e simplificarase a relación da cidadanía e empresas coas administracións”.
Pola súa parte, a directora da AMTEGA destacou a importancia de avanzar na capacitación dixital do persoal empregado público para adaptarse ao novos escenarios e ao novo modelo de Administración Dixital. Neste sentido, salientou que en 2020 realizáronse máis de un millón de presentacións electrónicas a través da sede, o que supuxo un incremento de máis do 63% con respecto ao ano anterior. Mar Pereira lembrou que o 1 de xaneiro de 2022 entrará en vigor o novo Decreto de Competencias Dixitais de Galicia que permitirá desenvolver o Plan de Capacitación Dixital persoal empregado público. Este Plan, dixo, definirá as competencias dixitais mínimas para poder acceder a un posto na administración.
O director da División de Planificación y Coordinación de Ciberseguridad do Ministerio de Política Territorial y Función Pública, Miguel Ángel Amutio, explicou que a dixitalización é “una oportunidade de transformación que vai alén do estritamente tecnolóxico e non se pode eludir”. Tamén salientou que constitúe un elemento absolutamente clave para o proceso de reconstrución económica e a plena integración na economía dixital. Amutio engadiu que a Administración Electrónica “facilita escenarios de servizos con maior orientación ao usuario, máis fáciles de usar, máis accesíbeis, abertos, inclusivos, participativos e baseados nos datos, á vez que debe atender aos riscos de ciberseguridade pola acentuada dependencia da tecnoloxía”.
Na súa presentación, desenvolvida baixo o epígrafe Presente e futuro da Administración Electrónica, tratou as claves da transformación dixital en xeral, e da administración en particular, e como debe enfrontarse tendo presente elementos fundamentais e aspectos transversais e cales son todos eles. Tamén falou de cara onde vai a Unión Europea nesta materia, cales son as áreas nas que pon o foco, así como a situación de España no eido da Administración Dixital segundo a perspectiva dos piares fundamentais que permiten comprender o progreso alcanzado e por que é un referente no exterior, a axenda para impulsar esta transformación a través esencialmente do Plan de Digitalización de las Administraciones Públicas 2021 – 2025 e o seu contexto como motor da evolución tecnolóxica do país, e, finalmente que retos e conclusións se poden prever.

PUBLICIDADE