O CPEIG e a AMTEGA organizan 28 xornadas sobre ciberseguridade en centros de ensino de toda Galicia

mércores, 27 de setembro do 2023 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta organizan no mes de outubro unhas xornadas sobre ciberseguridade enmarcadas no programa Tech Kids, actividade incluída na Estratexia Galicia Dixital 2030 e no Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital e realizada a través do convenio asinado entre as dúas ditas entidades para a realizacións de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da información en Galicia para fomentar a sociedade dixital.
A axenda inclúe 28 xornadas formativas presenciais en centros de ensino de Galicia. Comezarán este 28 de setembro, xoves, cunha xornada no CEIP de Zas ás 10 horas. Proseguirán xa en outubro en Santiago, O Carballiño, Maside, Boborás, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Reis, O Grove, Cambados, Lalín, Lugo, Rábade, Castrelo de Miño, Cartelle, Vigo, Ribeira, Curtis e en Aldán en Cangas do Morrazo, ademais doutras oito sesións aínda sen confirmar.
Tech Kids ten como obxecto formar aos rapaces e rapazas en ciberseguridade. As xornadas de divulgación, denominadas Ciberseguranza Kids, centraranse na ciberseguridade mediante charlas con tipoloxía de contacontos ou outro tipo de actividade de carácter dinámico e participativo. Esta actividade está dirixida a nenos/as de 3 a 12 anos de idade. Ademais, celebrarase unha sesión de contacontos o vindeiro 26 de outubro no centro Gaiás Tech da Cidade da Cultura en Santiago. Segundo explica o CPEIG, a través destes contacontos incidirase no fomento das vocacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) entre os máis novos/as, especialmente entre as rapazas con referentes femininas no material didáctico. Tamén esta iniciativa comprenderá a publicación de vídeos específicos e un novo conto con contido de ciberseguridade.

PUBLICIDADE