O CPEIG e a Xunta convocan o 9º concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos

martes, 28 de xaneiro do 2025 S. P.

Co gallo do Día Europeo da Protección de Datos, que se conmemora hoxe (28 de xaneiro), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, convocan o IX Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos. O certame está encamiñado a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnado de 1º a 4º de ESO.
Dicir que as dúas institucións consideran de moita importancia que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, máis en concreto os e as menores de idade, é preciso promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.
Indo ao certame, informar que os e as estudantes poderán presentar diversos xéneros literarios como: artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deberán responder a preguntas como: “Que é para ti a protección de datos”; “Como afecta no teu día a día?” e “Como podo protexer os meus datos?”. Os textos de referencia serán o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.
Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estará aberto ata as 15 horas do 28 de febreiro. As persoas titoras enviarán os traballos do seu alumnado ao correo electrónico premioliterario@cpeig.gal.
En canto aos premios, haberá un galardón para a categoría de 5º e 6º de Primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO, e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Asemade, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización. O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, darase a coñecer no mes de marzo.
Para máis información sobre o concurso pódense consultar as bases da convocatoria nas páxinas web das institucións.