O CPEIG e o CESGA lanzan concurso de memes para celebrar ao grande o Día das Rapazas nas TIC

martes, 24 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Xa vai quedando menos para a celebración, este 26 de abril, do Día Internacional das Rapazas nas TIC, un acontecemento para inverter a cada vez menor concorrencia das mozas nos estudos ligados ás novas tecnoloxías e, tamén, para mostrar o gran traballo despregado polas mulleres no progreso científico-tecnolóxico. Como lembraremos, a nivel galego é o Centro Supercomputación de Galicia (CESGA), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), quen impulsa e visualiza a dita celebración, dando voz a mulleres galegas referentes no sector e poñéndoas en contacto cos centros educativos da nosa terra. Entre as actividades que preparan figura unha cita (no CESGA e con ramificacións por multiconferencia) con empresarias e desenvolvedoras do noso eido dixital e, tamén, un concurso de memes convocado baixo o epígrafe Rapazas e Tecnoloxía.
Este concurso, que se estrea este ano, ten por obxecto “provocar a reflexión sobre o papel activo das rapazas e as mulleres no mundo tecnolóxico cunha linguaxe nova e divertida”, segundo informan o CESGA e o CPEIG, que engaden que na actividade poderán participar rapazas e rapaces nadas/os ou residentes en Galicia de entre 10 e 18 anos. O seu traballo consistirá no emprego dunha imaxe, un debuxo ou de fotografía orixinais (agás as que teñan unha natureza abertamente racista, violenta, sexual ou vexatoria) para dar forma a unha mensaxe visual reivindicativa e que convide á reflexión sobre a necesidade de facer igualdade arredor da tecnoloxía. Os organizadores explican que o meme deberá ser feito polas participantes e non terse empregado antes, engadindo que non se aceptarán traducións ou plaxios doutros traballos ou fotos protexidas por dereitos de autor. Cada participante poderá concorrer cun máximo de tres creacións.
Nas bases faise saber que haberá dous modos de participación, ben a través dunha publicación na conta de Instagram do certame, acompañada do certame #RapazasNasTIC, ou subir o meme á páxina de ICT Go Girls indicando o nome e enderezo de correo de contacto. Os traballos enviados á páxina do concurso aparecerán publicados na conta de Instagram da área de eLearning do CESGA e na web do concurso aparecerá unha galería interactiva con todas as imaxes que participan.
A actividade dará comezo este día 26 de abril e o prazo para presentar contribucións rematará o 17 de maio ás 24:00 horas. O xurado estará composto por cinco persoas, organizadoras do evento Día das Rapazas nas TIC 2018 e pertencentes ou nomeadas polo CPEIG e CESGA. O resultado será anunciado o día 18 de maio, a través da propia páxina do concurso, e mediante a conta de Instagram do dito departamento do CESGA. Haberá un primeiro premio, consistente nun kit de robótica, e tres accésit que recibirán unha cunca conmemorativa do Día das Rapazas nas TIC 2018.
Os actos do 26 de abril
Respecto do programa previsto na sede do CESGA, este 26 de abril, pola mañá (de 11:00 a 12:30 horas) celebrarase como vén sendo costume un coloquio virtual con varias mulleres emprendedoras galegas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ás que as/os estudantes que participen dende os seus centros de secundaria/primaria conectados vía streaming coas salas do CESGA poderán facer calquera pregunta sobre os seus campos profesionais ou razóns persoais que as levaron a traballar no ámbito tecnolóxico-dixital. As convidadas deste ano son:
· María José Durán. Enxeñeira en Informática e fundadora da tenda en liña Potingues Verdes.
· Ana Cidre. Experta en desenvolvemento de tecnolóxica, organizadora de GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech. Ten un grao en Belas Artes e un máster en negocios e economía internacional. A día de hoxe é unha desenvolvedora de software especializada en Angular.
· Susana Rey. Enxeñeira en Telecomunicacións, máster en Seguridade da Información e responsábel de Seguridade en R.
· Cecilia Grela. Enxeñeira en Informática, máster en Consultoría en Software Libre e desenvolvedora de programas en múltiples proxectos de I+D+i (entre outros, o ICT-Go-Girls!), así como formadora en TIC.
Pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades TIC divertidas para mozas e mozos de entre 10 a 14 anos: demostracións e obradoiros de impresión 3D, realidade virtual e aumentada, arte dixital, programación, robótica, e, por suposto, unha visita guiada ao corazón do CESGA, o supercomputador Finis Terrae 2.
Para esta actividade cóntase co apoio das seguintes entidades: Xunta de Galicia (GAIN, Secretaría de Igualdade, Consellería de Educación e AMTEGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Educación, Oficina de Igualdade de Xénero, Woman Emprende), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática) e GalsTech, o Grupo de mulleres interesadas en tecnoloxía de Galicia.
O evento a nivel internacional vén da man da International Telecommunications Union (ITU).
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI) xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC.
Amais das ditas entidades, tamén ten colaborado nas actividades o Concello de Santiago, sumándose deste xeito a esta fronte común contra a fenda dixital de xénero.
Contra os prexuízos e as ideas preconcibidas
A cita do 26 de abril é unha actividade de gran importancia para o desenvolvemento da nosa terra no ámbito informático. En concreto, diríxese a combater tendencias, prexuízos e estereotipos e incrementar a presenza feminina no ámbito profesional TIC galego, unha presenza sen a cal (sinxelamente) a sociedade dixital non dará avanzado nin progresado. A xornada tamén pon de relevo cifras inadmisíbeis, como por exemplo a que reflicte a porcentaxe profesional feminina no ámbito da creación de ferramentas e contidos dixitais, que é só do 9%.

PUBLICIDADE