O CPEIG elixe á enxeñeira informática e influencer Ale Lugilde para promover as vocacións tecnolóxicas femininas no 11F
martes, 11 de febreiro do 2025
Hoxe celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e con este motivo o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) lanza unha campaña de concienciación para que as estudantes femininas opten por cursar carreiras das áreas STEM, concretamente, a rama da enxeñería informática, e eliminar as brechas e desigualdades de xénero no eido científico. Emporiso, a finalidade deste día é visibilizar o traballo das mulleres que se adican ás áreas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), creando así referentes femininos para a infancia, que poidan contribuír á elección destas áreas como carreiras profesionais.
Desta volta o CPEIG elixiu como referente feminino ao caso da enxeñeira informática e influencer lucense Ale Lugilde. Amais da súa carreira profesional ligada á informática, Ale é unha streamer e influencer con gran presenza en Tik Tok, onde ten 1,5 millóns de seguidores; Instagram, con 474.000 seguidores e seguidoras; e YouTube cunha canle con 794.000 subscricións. Nas redes sociais é coñecida como Simbeli (@simbeli_) e publica sketches humorísticos onde fai gala da retranca galega, cun humor absurdo e intelixente, moitas veces ela mesma caracterizada nos vídeos de diferentes personaxes ficticios.
Ale Lugilde ten ampla experiencia no desenvolvemento de software, arquitectura de solucións e liderado de proxectos tecnolóxicos. Está especializada na modernización de plataformas na nube e na implementación de estratexias de optimización para equipos técnicos. É unha apaixonada da innovación, a mentoría e a creación de iniciativas que impulsan melloras en procesos e metodoloxías de traballo.
Para promover estas vocacións tecnolóxicas entre as estudantes máis novas, Simbeli protagoniza un vídeo nas redes sociais do CPEIG (Facebook, Twitter, Instagram e Linkedin) onde manda unha mensaxe a todas as persoas que “soñan con construír o futuro”. Na gravación aparece un dos personaxes de Simbeli, a bruxa, que tenta comprender o que é unha enxeñeira informática. “Utilizamos as matemáticas, a lóxica, a tecnoloxía e a creatividade para converter en realidade solucións e ideas. Ser creadora de contido mola, pero ser enxeñeira informática mola moitísimo máis” –asegura Ale Lugilde–.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez afirma que “espertar as vocacións tecnolóxicas entre as mulleres en idades temperás pode ser o mellor camiño para garantir que a poboación feminina se incorpore dunha maneira natural ao estudo das carreiras STEM e que xoguen un papel relevante nos sectores que están definindo as tendencias de futuro”. Tamén indicou que igual de importante é que todos os axentes do sistema educativo (pais, nais, titoras e titores, profesoras e profesores) estean implicados no proceso.
O presidente explica que é preciso incrementar o número de mozas que apostan polas carreiras STEM e finalizar dunha vez por todas cos estereotipos e os atrancos que impiden a igualdade no ámbito informático. “A profesión de enxeñería en informática en Galicia está aínda moi masculinizada, con apenas un 17 % de mulleres, datos que se trasladan ao mercado laboral en España onde practicamente nove de cada dez traballadores son homes, malia que, como sinala a Comisión Europea, acadar a paridade de homes e mulleres na industria dixital permitiría elevar o PIB da Unión Europea nuns 9.000 millóns de euros anuais”, sinala.
Para rematar, Fernando Suárez asegura que, malia os datos negativos, “a informática tamén é cousa de mulleres, e foron moitas as que xogaron un papel crucial durante décadas”, como a coñecida Ada Byron (filla do poeta Lord Byron), que pasou á historia como a primeira programadora e da que o CPEIG adoptou o nome para crear un premio pioneiro, a distinción Ada Byron da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia; Grace Murray Hopper, creadora do primeiro compilador; Anita Borg, fundadora do Instituto da Muller e a Tecnoloxía; Hedy Lamarr, estrela do Hollywood clásico e inventora do espectro ensanchado por salto de frecuencia que se emprega nos GPS, Bluetooth ou nas conexións Wi-Fi; a compostelá Ana María Prieto, primeira programadora galega e española; ou a ferrolá de adopción Ángela Ruiz Robles, creadora da enciclopedia mecánica que se considera o primeiro libro electrónico da historia.
Dende o CPEIG promoven estas vocacións tecnolóxicas entre as rapazas con programas e proxectos que incentivan a súa curiosidade en robótica, programación ou IA, así como xornadas para presentar experiencias profesionais de mulleres relevantes en sectores científicos e tecnolóxicos.
Tamén a presenza da muller é un punto a salientar na xunta de goberno do CPEIG, que conta con tres mulleres: a vicepresidenta, Susana Ladra, directora do Campus Innova da Universidade da Coruña (UDC); a vicetesoureira, Lorena Otero, profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (Uvigo); e a vogal Pilar Vila Avendaño, directora executiva (CEO) da empresa Forensic & Security.