O CPEIG encara a súa celebración anual facendo balance dos vertixinosos avances tecnolóxicos que nos agardan

xoves, 14 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Fernando Suárez nunha imaxe recente de Antonio Hernández

A celebración da Noite da Enxeñaría en Informática do CPEIG, amais de ser un acontecemento de gran relevancia, é a escusa perfecta para analizar todas as grandes novidades TIC das que fomos testemuñas entre unha Noite e outra. Que isto non abonda? Pois lanzámonos de cheo a mergullarnos no futuro inmediato, que promete ser, aínda non sendo todo o optimistas que deberamos, apaixonante. Charlamos con Fernando Suárez, presidente do CPEIG, destas e doutras cuestións.
-O tempo voa e resulta que xa pasou un ano dende a anterior Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que celebrastes por estas mesmas datas e, tamén, en Santiago. Sexa como sexa, e aínda que estes doce meses pasaran tan axiña, cónstanos que houbo novidades. Fernando, que novidades ou fitos destacarías a nivel galego ao longo deste ano entre unha Noite e outra? E que salientarías a nivel internacional?
-En tecnoloxía os avances se producen dun xeito vertixinoso e penso que un ano é un período no que se poden dar moitos máis avances que noutras áreas. Pero tamén é certo que se precisa certa distancia temporal para observalos. Por exemplo, en 2017 celebráronse os dez anos da aparición do iPhone, que parece que leva toda a vida entre nós. En breve, por poñer un exemplo, algo que a moitos aínda lles parece afastado no tempo, o vehículo autónomo, será unha realidade que asumiremos como natural.
Na miña opinión, máis que grandes aparicións coma as anteriores, creo que o máis salientable son 3 aspectos. O primeiro, que a tecnoloxía forma xa parte integral do noso día a día, non só no uso da mesma, senón como parte das conversas cotiás. Conceptos como Big Data, Internet das Cousas, Cloud Computing, realidade virtual ou Intelixencia Artificial son xa entendidos por gran parte dos cidadás.
En segundo lugar, dende o sector tecnolóxico percíbese que hai unha nova revolución ás portas, a que implicará o despegue da Intelixencia Artificial, e que será mesmo máis importante do que supuxo no seu día a aparición de Internet. É fundamental coller un tren liderado por China e Estados Unidos (neste orde) para que Galicia, España e Europa teñan un papel relevante e non quedar descolgados na carreira da innovación.
E por último, a necesidade dunha reflexión conxunta a nivel ético das implicacións das Tecnoloxías da Información na nosa vida. É preciso xerar confianza nas ferramentas que empregamos, pero esta confianza debe partir dende os propios fabricantes das mesmas. Dende o Consello Xeral de Colexios estamos a traballar neste sentido dende hai anos e mesmo o Congreso impulsou un “comité de sabios” para estudar as implicacións éticas da Intelixencia Artificial.
Para nós, particularmente, o que máis podemos destacar foi celebrar os 10 anos de andaina do CPEIG. Foi un acto moi emotivo, no que congregamos a moitos amigos e colaboradores que nos axudaron ao longo deste camiño e que serviu para referendar o noso compromiso coa sociedade galega para continuar a contribuír no progreso tecnolóxico da nosa sociedade.
-E facendo un pouco de clarividencia, que cres que nos van deparar os seguintes doce meses? Consideras que é certo iso que se di de que imos ter que loitar, máis que nunca, contra uns retos en seguridade que redobraron a súa importancia e que nos atinxen a todos os cidadáns, a todas as institucións e a todas as empresas sexan do sector que sexan? E que pasa co Big Data, é verdade que pode ser a solución para non trabucarnos nunca máis nas nosas decisións persoais ou empresariais, ou para trabucarnos algo menos?
-A ciberseguridade é unha das áreas de maior crecemento no relacionado coa informática. O negocio da ciberdelincuencia xa move a día de hoxe máis diñeiro que o narcotráfico, o que amosa os riscos que entraña e a necesidade de protexer a nosa información. Galicia ten unha oportunidade única de erixirse nun polo de coñecemento en ciberseguridade, desenvolvendo servizos e aplicación de alto valor engadido e con carácter global. Temos universidades que forman con altísimo nivel de coñecemento aos seus estudantes, empresas que apostan por desenvolver este tipo de servizos, a administración apoiando e incentivando a innovación e profesionais cualificados e con vocación de compartir coñecemento. Exemplos disto son a creación do Máster Interuniversitario de Ciberseguridade; empresas galegas como Improsec, Tarlogic, Emetel,… ás que se unen grandes multinacionais como é a aposta de Telefónica, xunto con Gradiant e a Xunta de Galicia, constituido TEGRA; ou a creación o pasado ano, impulsada polo CPEIG, da Rede Galega de Ciberseguridade, que na actualidade conta con máis de 170 profesionais galegos da rama.
Por outra banda, Big Data é outra das buzzwords que tanto soan nos últimos tempos. Estes días celebrouse un foro ao seu redor no que puido poñerse de manifesto que en Galicia hai moito coñecemento e innovación ao seu redor e unha aposta decidida por aproveitar as oportunidades que proporciona. O termo fai referencia ao reto tecnolóxico que se produce debido á necesidade de procesar o inxente volume de datos que se produce e almacena a día de hoxe, e á oportunidade que supón que as organizacións sexan capaces de analizar e extraer valor de toda esta información, en todo tipo de sectores. Hoxe en día o Big Data está a mellorar a produtividade e transformando sectores tan variados como o comercio electrónico, a banca, a sanidade, o transporte e a loxística, o entretemento, o turismo e mesmo existen aplicacións en sector primario, por exemplo en agricultura de precisión e pesca.

O Hotel Monumento San Francisco de Santiago, sede da Noite

-Volvendo á cuestión da Noite, que é o que nos ocupa, que relevancia cres que ten este acontecemento para Galicia e o seu progreso tecnolóxico?
-A Noite non só está consolidada en Galicia, senón que é unha cita de referencia a nivel nacional. Proba disto é que moitas grandes compañías, tanto españolas como multinacionais, apostan por colaborar con nós para ter visibilidade na nosa Comunidade. Congregar a 50 empresas e 400 persoas no apoio á profesión e ao progreso tecnolóxico, constituíndo a Santiago no epicentro das TI durante un día, o que da mostra do puxante do sector TIC en Galicia e a boa percepción que do mesmo se ten fóra das nosas fronteiras. Creo que os galegos debemos sentirnos orgullosos deste sector, chamado a liderar o progreso social e económico do noso país.
-Será a cita anual das profesionais e dos profesionais do CPEIG unha cita para facer fincapé na igualdade e na necesidade de seguir traballando polo recoñecemento do labor das mulleres no sector? Cónstanos que o CPEIG participou na pasada celebración do Día das Rapazas na TIC, en Santiago, o que significa, entre outras cousas, que o problema persiste (doutro xeito, como se sinalou na propia xornada, esta non tería porqué celebrarse). Que visión ten o CPEIG do problema das carreiras tecnolóxicas cada vez máis baleiras de mulleres? Que credes que cómpre facer?
-Por desgraza temos que seguir a traballar en facer atractivas as carreiras técnicas (as denominadas carreiras STEM polas iniciais de Science, Technology, Engineer e Maths) ás rapazas, pois se ben o número de mulleres na universidade xa supera ao de homes, nestas titulacións este número vai en descenso. Isto significa que estamos a perder unha cantidade de talento moi importante e que, cómpre lembrar, é unha fonte que non se esgota, xa que permite a súa compartición, e con isto, estar mellor preparados, sermos máis produtivos e conseguir un mellor futuro para a sociedade.
Unha das solucións para reverter esta situación é contar con referentes para que as nenas se animen a emprender estes estudos. Así, ademais de liderar iniciativas como Rapaciñ@s ou participar noutras como o Día das Rapazas nas TIC, dende hai anos o CPEIG concede o premio Ada Byron, a unha enxeñeira en Informática. A experiencia demostrou que na nosa terra temos mulleres de éxito no sector e con traxectorias contrastadas.
Pero hai moito por facer aínda. Eu sempre digo que o día que teñamos unha serie ou unha película na que a profesión se mostre dende unha perspectiva positiva, a situación cambiará radicalmente.
-A Noite deste ano vai ter un fío temático específico? Cal será este alicerce temático?
-Non acostumamos a ter un fío temático por varios motivos. Por unha banda, porque o espectro de actuación da Enxeñaría en Informática é moi amplo. Falamos de ciberseguridade, Big Data, Smart Cities, Intelixencia Artificial, avións non tripulados (UAV), entretemento, comercio electrónico, sanidade, educación,… Por outra banda, porque os premios que concedemos non se fallan até ben preto da Noite, e podería ser chocante conceder un premio nunha temática diferente á que guía o evento.
-A nivel máis de opinión, até que punto credes no CPEIG que é importante que as nosas fillas e fillos deban recibir coñecementos tecnolóxicos de calidade? Considerades que nas familias e nos colexios e nas asociacións, en xeral, estanse a fornecer este tipo de coñecementos na cantidade e coa “calidade” desexada? Que iniciativas concretas destacariades como exemplos docentes e tecnolóxico-educativos a seguir? No lado contrario, que cousas se están a facer que baixo ningún concepto debéramos imitar?
-É algo absolutamente crítico. Moitas veces falamos, de maneira trabucada ao meu parecer, dos nativos dixitais, cando en moitas ocasións o seu entorno o que está a xerar son orfos dixitais. A formación tecnolóxica debe ter o mesmo tratamento, senón superior, que outras materias no noso sistema educativo, pois forma parte do modo en que os rapaces se relacionan coa súa contorna actual e futura, non só nas relacións persoais, senón a todos os niveis: lecer, compras, relacións profesionais,… Xa que logo, do mesmo xeito que todas as persoas necesitamos desenvolver as nosas competencias para manexarnos no medio físico e social, tamén precisamos educar para que os nosos rapaces sexan quen de acadar plena autonomía para levar a cabo un proxecto vital no mundo dixital.
Neste sentido o colexio continua co que eu sempre denomino o proxecto máis “ilusionante” dos que temos acometido: Navega con Rumbo. Esta iniciativa educativa levada a cabo nos colexios galegos, en colaboración coa Consellaría de Educación, persegue aos nenos e nenas en navegación segura por Internet, evitando o ciberacoso e outros perigos da Rede. A iniciativa vense desenvolvendo durante os últimos anos, chegando xa a máis de 1.000 colexios en distintos concellos de toda Galicia.
Complementando ao anterior, as actividades de Programación nas Escolas teñen o propósito de introducir a programación no currículo educativo dos rapaces e despertar así o pensamento computacional, que ten demostrado en numerosos estudos a súa bondade na formación integral dos nenos.
Pero sendo conscientes de que é fundamental a implicación dos país na educación e formación tecnolóxica, vimos desenvolvendo iniciativas como Rapaciñ@s ou Tech Kids, orientadas ás nais e pais, co propósito de mellorar a súa capacitación tecnolóxica para a educación dos seus fillos no entorno da informática.
Retomando tamén unha cuestión que propoñías anteriormente, o 95% de todos os traballos requiren hoxe algún grao de coñecemento das TIC e, segundo a Comisión Europea (CE), na actualidade só o 30% do sector TIC está formado por mulleres. Por isto creamos tamén o programa Rapazas Emprendedoras nas TIC, que ten como obxectivo fomentar o emprendemento das rapazas de secundaria a través das Tecnoloxías da Información. O programa está relacionado con varias iniciativas a nivel europeo.
O CPEIG colaborou tamén no proxecto de identidade dixital da Consellería de Educación, no marco da Estratexia Galega de Convivencia 2015-2020. Esta iniciativa aborda da man de expertos de recoñecido prestixio tanto nos seus ámbitos de coñecemento como na contorna dixital, as dúbidas máis comúns que familias, profesorado e alumnado teñen ao respecto de cuestións relacionadas coa xestión da identidade dixital.
-Se o CPEIG quixera facer unha proclama para a cidadanía co gallo da Noite, cal sería a mensaxe?
-A día de hoxe as Tecnoloxías da Información están presentes en todos os sectores da nosa vida: sanidade, banca, educación, deporte, lecer, compras… É fundamental a potenciación e mellora do uso da informática como instrumento de desenvolvemento económico e social. O CPEIG está convencido de que as TIC son a panca clave do cambio social e económico na nosa época e queremos ser parte da solución e involucrarnos nestes cambios. Por iso, na nosa visión e estratexia incluímos como obxectivos: mellorar a vida das persoas, facilitar o desenvolvemento dos negocios e contribuír ao progreso da nosa Comunidade, proporcionando servizos innovadores baseados nas Tecnoloxías de Información.
Galicia conta cun sector tecnolóxico puxante, como o acredita a cantidade de empresas e profesionais que traballan no mesmo. Pero se de algo creo que debemos de sentirnos orgullosos é da cantidade de talento que hai ao seu redor. Universidades, centros tecnolóxicos, administracións, empresas e profesionais temos que compartir un claro compromiso de progreso e mellora da calidade de vida para a toda a cidadanía.
Como afirmou no seu dia Alan Turing, un dos científicos máis importantes da historia e cunha contribución tan importante á nosa profesión que a maior distinción en computación leva o seu nome, "Só podemos ver pouco do futuro, pero o suficiente para decatarnos de que hai moito que facer". Os enxeñeiros en Informática estamos comprometidos en construír ese futuro.

PUBLICIDADE