O CPEIG entrega os seus galardóns nunha noite da informática galega semi-presencial

venres, 27 de novembro do 2020 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou este venres 27 a XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, a gran gala das TIC galegas adaptada este ano, co fin de garantir ao máximo a seguridade sanitaria, a un formato híbrido (presencial e virtual). As actividades in situ tiveron lugar no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, onde se entregaron os premios anuais da profesión nun acto que contou coa presenza de trinta persoas. A actividade online centrouse na emisión en directo da Noite, vía streaming en Youtube, que foi seguida por máis de 400 profesionais do sector TIC de Galicia.
A xornalista María Almodóvar presentou esta duodécima edición, que clausurou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, deu a benvida a todos os asistentes, tanto a premiados e autoridades presentes como á multitude que seguiu a gala virtual. Suárez agradeceu especialmente o compromiso de todas as empresas TIC colaboradoras, xa que nestes momentos “o apoio, a unidade e a solidariedade que sempre defendemos son máis necesarias que nunca”.
Destacando a importancia da profesión de enxeñaría en Informática para combater a pandemia, Fernando Suárez incidiu no papel da tecnoloxía nestes meses para poder manter un alto nivel de actividade en moitos sectores, ademais da transcendencia das ferramentas informáticas para lograr a ansiada vacina mediante técnicas como a computación de altas prestacións ou a simulación.
“Vivimos nun período de profundos cambios, no que os sistemas tecnolóxicos volvéronse indivisíbeis das sociedades, empresas e gobernos aos que serven. Os avances chegan tan rápido e en cantidades tan grandes que aqueles que non poden adaptarse quedan atrás, mentres que os rivais máis áxiles móvense para gañarse os corazóns e as mentes dunha poboación cada vez máis coñecedora da tecnoloxía. O mundo está inmerso nunha carreira tecnolóxica acelerada, no medio dunha revolución científica sen precedentes. A competitividade dos países dependerá da súa capacidade de desenvolver e implantar novas tecnoloxías, e convertelas en produtos e servizos de valor” –sinalou–.
Pero esta revolución, engadiu o presidente do Colexio, non “é só tecnolóxica senón tamén social” e Suárez asegurou que “os cambios tecnolóxicos, económicos e sociais que se están a vivir comportan enormes avances, pero que tamén sitúan á sociedade ante novos retos”. En concreto, indicou “que o maior desafío será xestionar a transición dixital con éxito para que os beneficios desta dixitalización cheguen á maior parte dos cidadáns, unha cuestión máis necesaria se cabe en situación de crise como a actual, onde a informática se converte nunha ferramenta esencial e verdadeiramente crítica para poder seguir adiante”.
Neste contexto, o presidente explicou que outro desafío será a adecuación da educación e a formación continua á actual realidade dixital. “Debemos fomentar o desenvolvemento de iniciativas que impulsen as competencias dixitais como base da educación do cidadán do século XXI, renegociando e redefinindo valores comúns para construír o noso futuro dixital sobre a base de principios como a equidade, a non discriminación, a responsabilidade e a inclusividade, que necesitan aplicarse da mesma forma no mundo online e offline, sentando as bases dunha Carta de Dereitos Dixitais que protexa os nosos valores e dereitos fundamentais, e en paralelo, modernizar as nosas políticas e institucións” –manifestou–. Neste punto do exponencial desenvolvemento tecnolóxico, subliñou que as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática terán novas responsabilidades que deberán asumir “con valentía, compromiso e ilusión”.

Solidariedade para os máis pequenos con Cáritas

Ademais, neste ano marcado pola COVID-19, A Noite servirá de apoio a tantas familias que máis están a sufrir pola crise sanitaria e económica. Así, fíxose entrega dun 5% da recadación dos patrocinadores da Noite á organización benéfica Cáritas para “que a entidade solidaria poida agasallar aos pequenos máis necesitados con material tecnolóxico para a súa educación neste Nadal”. O presidente de Cáritas Interparroquial de Santiago, Luis Calviño, recolleu o talón solidario.
Outro sector gravemente prexudicado pola crise sanitaria foi a hostalería, polo que o CPEIG decidiu agasallar ao público presente e virtual cunha caixa de produtos galegos de alimentación gourmet. Como detalle, no kit figura un código QR que os destinatarios poderán escanear para acceder ao sitio dos premios anuais do CPEIG, un tour virtual de 360º, creado pola empresa Ilux, no que visualizará a gravación da Noite 2020 e unha galería fotográfica da gala e dun concurso de selfies dos participantes da retransmisión online.

O mago Jorge Blass

A xeito de espectáculo lúdico, o evento contou coa actuación do mago Jorge Blass que ofreceu un espectácul no que uniu maxia e tecnoloxía. Aproveitando a interacción directa que ofrece o streaming, Blass fixo varios trucos de maxia con cartas (sobre a temática dos premios e de diversas cuestións do contexto actual das novas tecnoloxías) para os que contou con voluntarios afeccionados a esta arte.

Premios anuais do CPEIG

O CPEIG fixo entrega na cita deste venres 27 dos seus galardóns anuais, que xa foron dados a coñecer ao longo destas semanas.
· Na categoría de Grandes Proxectos TIC, o premio foi para a Cidade das TIC, proxecto que se situará na Fábrica de Armas da Coruña, impulsado pola Universidade da Coruña (UDC) e o Clúster TIC de Galicia co apoio do Goberno central, Xunta de Galicia, Deputación e Concello da Coruña. Recolleron o galardón o reitor da UDC, Julio Abalde; o presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; e o subdirector de Desenvolvemento de Negocio do Igape, José Manuel Fernández.
· Na categoría Iniciativa da Administración o premio foi para Smartiago, proxecto do Concello de Santiago que sitúa a Compostela na vangarda da innovación municipal. Recolleu a distinción o alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo.
· O premio Iniciativa Empresarial concedeuse á aplicación móbil Localsafe, a primeira app española que permite aos cidadáns buscar establecementos seguros fronte á COVID-19. Recolleu o galardón o CEO de Localsafe, Diego González.
· A distinción e-Inclusión foi para a Confederación ASPACE, polo seu proxecto colaborativo #ASPACEnet destinado a mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con parálise cerebral a través do uso de solucións tecnolóxicas. Asistiu ao acto de entrega a presidenta da Federación Aspace Galicia, Mónica Touriño.
· O premio Proxecto Fin de Mestrado recaeu en Aida Vidal Balea (Cambados, 1995), enxeñeira en Informática e investigadora de novas tecnoloxías de Realidade Aumentada, polo seu proxecto Aplicación gamificada mediante realidade aumentada para incentivar a actividade física de pacientes pediátricos de longa estancia, como Traballo Fin de Mestrado na Universidade da Coruña (UDC). A propia Aida Vidal recolleu a súa distinción.
· O premio Innovación Tecnolóxica no Ensino foi para a Tecnópole, pola súa vocación na divulgación científica entre os máis novos. O Parque Tecnolóxico desenvolve Galiciencia, a maior feira científica da comunidade, aulas e campamentos tecnolóxicos para rapaces e proxectos para animar ás rapazas a estudar carreiras STEM. Recolleu o premio o director xerente da Tecnópole, Ricardo Capilla.
· O galardón da Iniciativa Emprendedora foi para a compañía tecnolóxica coruñesa Appentra, polo seu traballo en computación paralela e o espectacular crecemento desde o seu nacemento en 2012 como spin-off da Universidade da Coruña (UDC). O seu CEO, Manuel Arenaz, non puido estar en persoa no evento pero acompañou a todos os asistentes en directo por online.
· O Colexio profesional recoñece a Traxectoria Profesional do doutor en Informática Miguel Rodríguez Rubio, catedrático da Escola Universitaria na Universidade da Coruña (UDC), con ampla experiencia docente e no sector privado, que asistiu á gala para recoller a distinción.
· O premio Ada Byron foi este ano para a enxeñeira en informática Sabela Ramos. Traballa en Google Research, onde desenvolve actualmente ferramentas para Reinforcement Learning (aprendizaxe por reforzo), unha rama do Machine Learning. Forma parte do colectivo Google Women in Engineering, onde se estimula a presenza feminina no sector TIC. Por cuestións laborais e a situación actual que afecta a todos os países, Sabela Ramos non puido estar no evento.
· O premio Colexiado de Honra foi para Miguel A. Amutio, director da División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, pola súa contribución ao desenvolvemento da administración electrónica en España. Miguel A. Amutio estivo presente na gala do CPEIG.

Miguel A. Amutio recibiu o premio Colexiado de Honra

Vídeo da gala

PUBLICIDADE