O CPEIG fai un chamamento a usarmos o galego nas redes con motivo da festa dupla do 17

martes, 15 de maio do 2018 Redacción

Achégase o Día Mundial de Internet (na súa versión formal Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información) e, non nos cansaremos de repetilo, a medida que se achega a devandita celebración, achégase tamén o Día das Letras Galegas. Compleméntanse un festexo e máis outro? Sen dúbida si que se complementan, e mesmo se enriquecen. Nisto coincide tamén o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que vén de emitir un comunicado (con motivo da festa dupla deste 17 de maio) no que convida á cidadanía galega a usar a súa lingua para navegar pola Rede, neste Día de Internet, para difundir a cultura de seu. Segundo sinala o presidente do colexio, Fernando Suárez, “cómpre procurar que o galego sexa unha lingua de referencia nas redes sociais entre a mocidade, que é quen máis as utiliza”.
Segundo explica o CPEIG, poñéndonos en situación, o Día de Internet celébrase por iniciativa da Asociación de Usuarios de Internet desde 2005, o 17 de maio e coa intención de “poñer en valor a importancia que teñen as tecnoloxías da información na sociedade”. A festa, a maiores, adquire para a cidadanía galega unha dimensión máis ampla, ao coincidir co festexo da súa cultura. Neste senso, o CPEIG considera que a do 17 pode “ser unha xornada para deixar constancia de que os cidadáns galegos poden empregar a súa propia lingua en Internet, e non só o castelán ou o inglés como maioritaria e instintivamente se pensa”.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, desvela que o galego, aínda que poida sorprender, está situado entre as 50 primeiras linguas con máis presenza e o número 26 en redes sociais, en relación ás máis de 6.000 linguas que existen no mundo segundo cifras da UNESCO. “O inexorable avance de Internet e o seu afianzamento en todos os estratos da nosa sociedade está a cambiar o mundo dun xeito vertixinoso. E estes cambios afectan, como non podía ser doutro xeito, ás linguas tal e como as coñecemos, pois son a ferramenta que utilizamos para nos comunicar nos novos medios electrónicos. Aquelas que non estean activas en Internet están abocadas a desaparecer, estimándose que a finais do século XXI, máis da metade das existentes desaparecerán”, sinala Suárez.
A maiores, o CPEIG considera que a boa saúde do galego garante o seu uso en Internet, o que axudará a difundir a riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social de Galicia, aínda que destaca que se precisa do apoio das Administracións Públicas. “Hai que procurar que o galego se converta na lingua de referencia nas redes sociais entre a mocidade, que é quen máis as utiliza”, apunta Suárez, incidindo na posibilidade real (nun futuro) de procurar a galeguización das redes sociais, conseguindo versións no idioma galego de cada unha delas.
Suárez, centrándose desta volta no Día de Internet e nas súas implicacións, engade que “a proliferación de dispositivos móbiles, onde España figura nas primeiras posicións a nivel mundial, xunto coa propia natureza relacional do ser humano, fai que a ubicuidade do acceso á Rede sexa unha realidade que contribúe a unha inxente xeración de información”. Dita realidade, engade, “fomenta o auxe de novas disciplinas que xerarán innovación e emprego nos vindeiros anos, como son o caso de Big Data, Open Data ou a Internet das Cousas”.
Tendo en conta o devandito, o CPEIG amosa publicamente “o seu compromiso por construír unha Sociedade da Información centrada na persoa, inclusiva e onde todos poidan crear, acceder, utilizar e compartir a información e o coñecemento para permitir ás persoas, comunidades e pobos alcanzar o seu pleno potencial na promoción do seu desenvolvemento sostible e a mellora da súa calidade de vida”. E engade: “O rápido progreso das tecnoloxías da información brinda oportunidades sen precedentes de acadar niveis máis elevados de desenvolvemento. Porén, os beneficios desta revolución están distribuídos de forma desigual entre os países desenvolvidos e en desenvolvemento, así como dentro das sociedades. O CPEIG está totalmente comprometido en transformar esta fenda dixital nunha oportunidade para todos, especialmente para aqueles que están en perigo de quedar atrás e aínda máis marxinados”.

PUBLICIDADE