O CPEIG fai unha proclama a prol do uso responsábel dos nosos datos no Día da Internet das Cousas

luns, 9 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

JPEG - 472.5 KB
Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fai hoxe un novo chamamento a prol dun uso responsábel das novas ferramentas dixitais e (sobre todo) a prol dun maior coidado no emprego dos nosos datos persoais ao abeiro delas. A proclama insírese no Día Internacional da Internet das Cousas, este 9 de abril, unha celebración mundial impulsada polo IOT Council co obxectivo de garantir unha evolución racional das tecnoloxías que conectan uns obxectos cos outros e a nós con eles (co fin de garantir espazos privados e públicos con meirande calidade de vida, mellor conectados, mellor xestionados e máis sustentábeis).
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) súmase a este acontecemento cun manifesto onde considera “de vital importancia” que a sociedade galega “sexa consciente dos dispositivos da Internet das Cousas que emprega e faga un uso responsábel e seguro dos mesmos de cara o envío de datos persoais e a súa publicación en Internet”.
Segundo lembra o colexio que preside Fernando Suárez para poñernos en situación, coñécese como Internet das Cousas todo ecosistema de dispositivos que procesen datos e información e están conectados entre eles e con Internet. A entidade tamén recorda que hoxe en día calcúlase que máis de 8.400 millóns de dispositivos conectáronse a Rede en 2017 (algunhas consultoras como Gartner calculan que no ano 2020 serán 20.000 millóns de dispositivos, sen contar teléfonos móbiles, tabletas ou ordenadores).
“O medre da Internet das Cousas”, engade o CPEIG, “traerá evidentes melloras sociais e económicas e, segundo a tecnoloxía avance, poderanse obter mellores produtos e servizos para a sociedade, por exemplo, no eido da teleasistencia ou do control continuo de variábeis de saúde”. Por outra banda, continúa, “as empresas posuirán cada vez máis datos dos usuarios e poderán anticipar as súas necesidades e proporcionarlle servizos que axuden á toma de decisións e a aforrar cartos e tempo, como no ámbito do fogar cos dispositivos de control de consumo e de medición dos parámetros ambientais”.
Por todos estes motivos, o CPEIG considera que os cidadáns deben tomar conciencia dos dispositivos que manexan e que se conectan a Internet para o envío de datos ou seguimento de diversas actividades, como termostatos intelixentes, cámaras web intelixentes, Smart TV, teleasistencia, pulseiras de control deportivo ou reloxos intelixentes. “Todos estes aparellos poden ser unha fonte de ataques á privacidade e á seguridade dos cidadáns; por exemplo, no ámbito da seguridade están documentados ataques masivos a cámaras web dos fogares ou a televisións intelixentes; e no ámbito da privacidade a publicación sen control de datos de pulseiras deportivas (tipo fitbit) con información sensíbel como as rutas xeográficas nas que practica deporte ou a súa actividade sexual”, explica o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
O colexio recomenda usar estes dispositivos de forma segura, protexendo os nosos datos persoais e a súa difusión mediante a lectura e comprensión das cláusulas de contratación que son aceptadas na instalación e uso dos mesmos. Tamén incide na necesidade de reforzar as conexións dos dispositivos conectados, sobre todo no fogar, mediante instalacións profesionais con redes seguras e inhabilitar calquera tipo de opción de conexión que non sexa precisa para o bo funcionamento do servizo.

PUBLICIDADE