O CPEIG falla o seu IX concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos 2025

mércores, 12 de marzo do 2025 S. P.

Tomar conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, facendo fincapé nas e nos menores de idade, promovendo o coñecemento de cales son os dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos é o obxectivo do Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos 2025.
Detrás deste concurso atopamos ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que deron a coñecer ás persoas premiadas desta IX edición: o gañador na categoría da ESO foi Adrián Fernández Pan, alumno que cursa 3º da ESO no Colexio Internacional Eirís da Coruña. Foi premiado por un relato titulado: O segredo do castelo dixital, que se presentou baixo o pseudónimo de O cabaleiro escuro. Adrián escribiu unha historia sobre o roubo de datos persoais nun ficticio e antigo feudo, onde aparentemente vivían felizmente multitude de familias de campesiños, que asinaron un documento sen lelo previamente o que facilitou ao malvado rei a venda dos seus datos.
Na categoría de Primaria o premio foi para Violeta Baranda Pardo do CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo (Ourense), presentou baixo o alcume Amapola un traballo titulado: O diario de Vega. Violeta escribe a xeito de diario os pensamentos dunha rapaza de dez anos chamada Vega e os seus problemas con Internet, ao fiarse dun suposto neno coreano que coñeceu na rede e co que comezou unha amizade. Finalmente, toda a historia foi un invento dos seus pais para que Vega non confiase nos estraños de Internet.
En canto aos premios, dicir que as dúas persoas gañadoras recibirán unha tableta, ademais dun kit de robótica para a súa aula. Asemade, o Colexio Internacional Eirís da Coruña recibiu o recoñecemento especial do certame ao ser o centro que máis traballos presentou.