O CPEIG falla os seus premios anuais

martes, 5 de xuño do 2018 Redacción

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fallou este 5 de xuño os premios da décima Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Trátase, en total, de nove distincións anuais dirixidas a salientar, visualizar e reivindicar o compromiso co desenvolvemento tecnolóxico da nosa terra, coa innovación, co coñecemento e co progreso en calquera das súas moitas manifestacións. As/os premiadas/os, que son personalidades, organizacións, empresas e entidades destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática, recibirán cadanseu recoñecemento no marco da gala que se celebra o 15 de xuño en Santiago, no Hotel Monumento San Francisco.

Categoría e-Inclusión

O colexio profesional premiou na categoría e-Inclusión ao proxecto Digitalizadas (www.digitalizadas.org/) polos “valores que fomenta ao desenvolver competencias tecnolóxicas que permiten a mulleres, especialmente da contorna rural, aumentar a súa influencia persoal e profesional en Internet”. Segundo lembra a entidade que preside Fernando Suárez, os obxectivos de Digitalizadas son reducir a fenda de xénero, promover a inserción social e laboral das mulleres, protexer os seus dereitos e seguridade no eido dixital, e xerar unha rede de dixitalizadoras, é dicir, unha comunidade de mulleres con maior interese no uso da tecnoloxía para fomentar o emprendemento e o autoemprego, que aportan experiencias e referentes empresariais locais femininos. O programa foi posto en marcha pola Fundación Cibervoluntarios, Fundación Mujeres e Google.org, coa colaboración do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad.

Categoría Iniciativa Emprendedora

Na categoría de Iniciativa Emprendedora a distinción recaeu na aceleradora ViaGalicia, por dar soporte e asistencia na súa fase inicial a emprendedores e empresas, aportando capital semente, formación, infraestruturas e asesoramento intensivo. ViaGalicia é un ecosistema para emprendedores, situado en Nigrán e promovido pola Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia. Segundo informa o xurado, “esta aceleradora cre nas persoas e nas ideas e axuda a facer realidade un proxecto baixo un modelo de negocio rendible e sustentábel”. Ademais, engade, busca emprendedores con proxectos innovadores, relevantes e que sexan susceptíbeis de ser acelerados e de recibir investimentos. Até a data, ViaGalicia avaliou máis de 1.000 ideas de negocio, conta con 68 empresas aceleradas e 157 proxectos impulsados, cunha xeración de 338 postos de traballo.

Premio Iniciativa Empresarial

No premio Iniciativa Empresarial, o CPEIG recoñeceu o labor de ISMS Forum por “incentivar o fomento da seguridade dos datos a través da promoción do desenvolvemento, coñecemento e cultura da seguridade da información en España e actuar en beneficio de toda a comunidade implicada no sector”. A Asociación Española para el Fomento de la Seguridad de la Información (ISMS Forum Spain) é unha organización sen ánimo de lucro fundada en 2007 e creada cunha vocación plural e aberta, que se configura como un foro especializado de debate para empresas, organizacións públicas e privadas, investigadores e profesionais onde colaborar, compartir experiencias e coñecer os últimos avances e desenvolvementos en materia de salvagarda do coñecemento, da comunicación e dos sistemas. ISMS Forum Spain ten xa a máis de 160 empresas asociadas e máis de 900 profesionais asociados polo que, segundo lembra o CPEIG, é xa a maior rede activa de organizacións e expertos comprometidos coa seguridade da información en España.

Miriam Pena, unha das maiores autoridades mundiais en Erlang

JPEG - 940.5 KB
Miriam Pena

O premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en informática, recaeu este ano en Miriam Pena. O CPEIG valorou “a súa meteórica progresión profesional, seleccionada pola plataforma Women 2.0 como unha das doce enxeñeiras máis importantes en Silicon Valley en 2018”. A enxeñeira, natural de Bueu, traballa actualmente na compañía de software publicitario AdRoll en San Francisco (EEUU), onde desempeña a función de staff engineer (enxeñeira de equipa profesional), un dos postos máis relevantes dentro dunha compañía tecnolóxica onde se encarga de deseñar e aplicar partes críticas da infraestrutura de ofertas en tempo real. Segundo engade o colexio, AdRoll desenvolve solucións que conseguen que as persoas volvan a unha páxina de Internet publicando anuncios personalizados nos dispositivos, a web e as redes sociais. Titulada pola Facultade de Informática de la Universidade da Coruña, Miriam Pena conta con máis de 10 anos de experiencia en sistemas con capacidade de adaptación e de evolucionar, de alto rendemento e concorrencia (execución de múltiples tarefas interactivas). Antes de traballar en AdRoll prestou consultoría especializada en Erlang (unha linguaxe de programación deseñado por Ericsson) en Suecia, España, Exipto e Estados Unidos para proxectos que van desde automóbiles até redes sociais e telecomunicacións, polo que é considerada unha das maiores autoridades mundiais en Erlang.
O CPEIG quere, mediante a concesión do Ada Byron, visualizar a participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación, investigadoras e líderes “dun sector que ten a responsabilidade e o compromiso de ir á cabeza na saída da actual crise económica”. Segundo o colexio, as mulleres teñen que ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento, posto que “só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias”. O premio Ada Byron recibe o nome da escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir alén dos simples cálculos numéricos.

Iniciativa da Administración

Na categoría de iniciativa da Administración, o colexio distinguiu ao Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), unha entidade de referencia para o desenvolvemento da protección tecnolóxica e da confianza dixital dos cidadáns, con especial interese nos menores, e tamén nas empresas, sobre todo en sectores estratéxicos. Esta sociedade estatal, dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital a través da Secretaría de Estado de Sociedade da Información e a Axenda Dixital, desenvolve ademais unha parte importante do seu traballo en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. O CPEIG distingue a misión de INCIBE, destinada a reforzar a ciberseguridade, a confianza e a protección da información e a privacidade nos servizos da Sociedade da Información, “aportando valor a cidadáns, empresas, administracións, rede académica e de investigación española, sector das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e sectores estratéxicos en xeral”.

Traxectoria Profesional

JPEG - 1.3 MB
Lucía Ardao

No premio Traxectoria Profesional, o colectivo recoñece o percorrido profesional de Lucía Ardao. Licenciada en Informática e Máster en Telemática pola Universidade da Coruña, programa de Alta Dirección AMP da IE Business School e programa Executiva da Xunta de Galicia son algúns dos méritos académicos de Ardao. Segundo explica o CPEIG acerca da bagaxe profesional de Ardao, dende o inicio da súa carreira profesional en 1996, a súa traxectoria está vinculada a empresas do sector das Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións, desde spin-offs a empresas de software e consultoras, ocupando distintos postos de dirección autonómica e corporativa de unidades de negocio e operacións en empresas como Denodo Technologies, Softgal ou Tecnocom. Actualmente é responsábel do Negocio de TI de Indra en Galicia.
Para quen non o saiba, Indra é hoxe líder mundial no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas integrais en eidos como a defensa e a seguridade, o transporte e o tráfico, a enerxía e a industria, as telecomunicacións e os media, os servizos financeiros, os procesos electorais, as Administracións Públicas, a sanidade e a transformación dixital a través de Minsait. No exercicio 2017, Indra tivo uns ingresos de 3.011 millóns de euros, 40.000 empregados, presenza local en 46 países e operacións comerciais en máis de 140 países.

Colexiado de Honra

JPEG - 344.7 KB
Juan Pablo Penarrubia Carrión

En relación ao premio Colexiado de Honra, o CPEIG decidiu conceder esta distinción especial ao presidente do Consello General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática (CCII), Juan Pablo Peñarrubia. Anteriormente presidente do colexio valenciano, compaxina o seu labor colexial coa xefatura do departamento de Innovación na Deputación de Valencia. O Colexio galego ofrécese esta gran distinción por se un “traballador infatigábel en busca da regulación da Enxeñaría en Informática e a defensa da profesión en todo o seu alcance”.

Premio 10º Aniversario da Noite

Nesta décima edición da súa gala anual, o CPEIG creou unha nova categoría, o premio 10º Aniversario de A Noite, distinción de agradecemento a empresas pola súa constancia no apoio ao longo destes dez anos da dita celebración tecnolóxica: Telefónica, Plexus, HP, Bahía e Xunta de Galicia.

Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática

JPEG - 398.1 KB
Joaquim de Moura

Finalmente, o CPEIG convocou o Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática. O galardón, que ten unha dotación económica de 1.000 euros para o traballo gañador (mentres que o resto de distincións recibirán unha estatuíña), quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática. O premio recaeu en José Joaquim de Moura Ramos polo seu proxecto Reconstrución 3D da árbore arterio-venosa da retina a partir de imaxes OCT como traballo fin de máster na Universidade da Coruña. Ademais, os tres finalistas beneficiaranse dun ano de colexiación de balde. Mediante a organización deste recoñecemento, o ente colexial busca “achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes”.

A cita do 15 de xuño

O CPEIG celebrará o acto de entrega destes galardóns o vindeiro 15 de xuño na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, nunha cea de gala no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela a partir das 20:00 horas. Está previsto que preto de 400 convidados asistan ao evento, entre representantes do empresariado, das administracións, do ámbito universitario e profesionais. Segundo lembra o colexio, “A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiros en Informática ao abeiro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”.

PUBLICIDADE