O CPEIG felicita á Xunta e ás tres universidades galegas por converter en realidade o Grao de Intelixencia Artificial

martes, 4 de maio do 2021 S. P.

JPEG - 18.6 KB
Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a través do seu presidente, Fernando Suárez, emitiu un comunicado a respecto do Grao de Intelixencia Artificial que se estrea o vindeiro curso (2021-2022) no Sistema Universitario Galego (SUG) e que foi o tema crucial este 4 de maio dun acordo asinado entre a Xunta e as tres universidades galegas, que estableceron ademais os marcos da súa implantación.
O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), e tamén presidente do Consejo General de Colegios de Ingeniería Informática (CCII), Fernando Suárez, felicitou á Xunta de Galicia e ás tres universidades galegas “pola decisión tomada nun dos ámbitos de maior perspectiva de crecemento, no que o talento vai ser un dos factores fundamentais para o desenvolvemento do sector da Intelixencia Artificial (IA)”.
E engadiu: “Este acordo permitirá a Galicia ser máis competitiva en IA, e esta unión de esforzos terá os seus froitos para a Administración autonómica e as empresas galegas”. O CPEIG lembra tamén que esta iniciativa de impulso á IA (un dos eidos da Enxeñaría en Informática, segundo se recolle de xeito explícito na Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial) é “un paso adiante no conxunto das tecnoloxías habilitadoras dixitais, onde tamén se sitúa a computación cuántica, convertendo a esta rama da enxeñaría en líder da revolución de novos ámbitos tecnolóxicos”.
En palabras do CPEIG, “esta nova titulación de IA reforza a demanda de profesionais por parte das empresas das tecnoloxías da información. Actualmente, esta demanda non chega a cubrirse coas actuais prazas que ofertan as tres titulacións de Enxeñaría en Informática de Galicia, polo que os novos títulos de grao e mestrado supoñen un avance na solución ao problema da demanda de talento para acometer os avances sociais, económicos e industriais da sociedade da información”.

PUBLICIDADE