O CPEIG lanza un curso para perderlle o medo á comunicación

martes, 5 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Comunicar non é simplemente falar. E facelo e que se nos entenda e, a poder ser, sen renunciar a esas cousas que van alén das simples palabras e que se coñecen como empatía, comprensión e afinidade. Isto pódese conseguir na vida real e na dixital e para acadar o meirande impacto comunicativo, nada mellor que someternos a un algo de adestramento. Así o entende o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), que está a organizar un Curso de Comunicación Exprés para aprender aos asistentes (dunha maneira “áxil e entretida”) os coñecementos precisos para comunicárense co seu público “en situacións de todo tipo”. Trátase, polo tanto, de recursos para todo tipo de situacións, dende o ámbito da oratoria até a formación de portavoces pasando polos recursos máis acaidos para expresarnos no medio e medio dunha crise.
A orixe desta actividade está nunha demanda concreta de gran parte de profesionais de todos os sectores: a demanda de comunicarse ben nun mundo cada vez mellor comunicado. Ou sexa, que non abonda con termos todo o preciso para informar do que queremos informar, cómpre retomar a vella máxima dos grandes escritores de todos os tempos: a mensaxe en si mesma é importante, pero o que importa de verdade é o xeito de dicila. En base a isto, o curso do CPEIG ten o obxectivo firme de axudarnos a superar o que se coñece como medo escénico en materia comunicativa.
A coordinación desta sesión formativa corre a cargo de Luís Fraga, profesional de dilatada experiencia nos medios de comunicación e na comunicación corporativa, e contará coa colaboración de Iván Olmos, subcampión mundial de oratoria. O curso ten unha duración de 8 horas e impartirase o venres 15 de setembro (16:30 - 20:30) e o sábado 16 de setembro (9:30 – 13:30). Celebrarase en Santiago de Compostela.
Programa do obradoiro
Venres
16:30h. A Comunicación Corporativa. Que é a comunicación corporativa? O dircom. A xestión da reputación.
17:00h. Relacións cos medios. Creación de contidos para seducir aos medios. Como redactar unha nota de prensa. Como dar unha rolda de prensa.
18:00h. Formación de portavoces. Simulación de intervencións reais en medios de comunicación: a entrevista en televisión, o "canutazo" para os reporteiros, a participación nun debate televisado.
Sábado
9:30h. Introdución á comunicación escrita. Como evitar os erros máis habituais. O correo electrónico.
10:00h. Introdución á locución. Dicción e expresividade ante o público.
10:30h. Oratoria. Como construír e pronunciar un discurso (sección impartida por Iván Olmos).
12:00h. A Comunicación de crise. Comunicar para resolver crise. Caso práctico de comunicación de crise.
O curso está previsto para 20 asistentes. As prazas asignaranse en rigoroso orde de solicitude de inscrición. O prazo de matrícula neste curso remata o xoves 14 de setembro ás 23:00. Para ampliar información ou para aclarar calquera dúbida, cómpre que nos dirixamos ao presidente da Comisión de Formación, Francisco Javier Rodríguez Martínez, a través da súa conta tesoureiro@cpeig.gal.

PUBLICIDADE