O CPEIG mostra en Celanova e Leiro como traballar por unha Internet segura

mércores, 6 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Charla na aula CeMIT de Celanova impartida por Ivan Luis Vázquez

Hoxe 5 de febreiro é o Día da Internet Segura, un evento internacional que pon de relevo a importancia de crear unha sociedade dixital amigábel, útil e ceibe de ameazas para toda a comunidade en liña e, especialmente, para as novas xeracións. Á fronte da celebración galega do Día da Internet Segura sitúase o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que renovou hoxe o seu chamamento a prol de facer medrar a concienciación da sociedade e o investimento das empresas en ciberseguridade, que deben estar listas perante un posíbel ciberdelito, que segundo asegura o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, “actualmente xera máis diñeiro que o tráfico de drogas”. A celebración da xornada incluíu dúas sesións divulgadoras en Celanova e Leiro, en estreita colaboración coa Rede CeMIT.

Charla en Celanova desenvolvida por Julio Mosquera

Segundo lembra o CPEIG, o Día de Internet Segura (Safer Internet Day, SID polas súas siglas en inglés), é un evento promovido pola rede INSAFE/INHOPE co apoio da Comisión Europea, que se celebra cada mes de febreiro para promover “un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, poñendo o foco na nenez e na mocidade”. Este ano a celebración quere facer fincapé na vertente positiva da sociedade dixital e nas súas moitas vantaxes de desenvolvemento, formación, comunicación e progreso, de aí que o lema desta edición sexa Unha Internet mellor comeza contigo: convivindo con respecto para unha Internet segura.
O colexio tamén recorda que o obxectivo da devandita efeméride é “impulsar cambios positivos e concienciar sobre a seguridade en Internet”, coa finalidade de alcanzar “unha Internet mellor” e convertela “nun espazo no que todas as persoas e entidades fagan uso da tecnoloxía de maneira responsábel, respectuosa, crítica e creativa”.
Máis en detalle, o presidente do CPEIG destaca que “se debe facer fincapé na importancia da ciberseguridade, privacidade e o uso seguro das TIC na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación e a dos demais”. E engade: “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, educándoos no uso seguro e positivo da tecnoloxía e actuando como referentes de comportamento dixital”.
Como dixemos, o CPEIG (no seu papel de aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020) está a colaborar nas actividades programadas pola Rede CeMIT no Día da Internet Segura. Voluntarios colexiados do CPEIG impartiu hoxe dúas charlas na provincia de Ourense. Iván Luis Vázquez ofreceu a charla na aula CeMIT de Celanova e Julio Mosquera a actividade na aula CeMIT de Leiro.
O colexio aproveita a celebración deste día 5 para emitir unha serie de recomendacións:
· Cómpre instalar un bo antivirus. É unha ferramenta imprescindíbel para un correcto funcionamento dos equipos cando estean conectados a Internet. E na era dos móbiles, as solucións de antivirus tamén deben exportarse a estes dispositivos para facer fronte ás continuas ameazas dirixidas aos usurarios.
· Debemos actualizar cada pouco os teus equipos. De forma habitual xorden ameazas e non queda máis remedio que instalar as actualizacións ou parches de seguridade en canto estean dispoñíbeis. É unha boa óptima de protexerse contra virus, ameazas e vulnerabilidades de última xeración, sinala o CPEIG
· Contrasinais e sistemas de protección seguros. Cada vez estamos rexistrados en máis páxinas e servizos. Debemos lembrar que os contrasinais teñen que ser distintos para cada un dos servizos. “É importante tamén usar claves complexas, que conteñan minúsculas, maiúsculas, números e letras”, explica o colexio, engadindo que “como método de axuda”, podemos usar un xestor de contrasinais para manexar todas as claves con máis comodidade.
· Engadir controis parentais. Os máis pequenos tamén se conectan a Internet. Así que deben estar advertidos sobre as ameazas que poden atoparse en liña. Para o colexio, “é importante axudalos a distinguir entre páxinas e ofertas enganosas, das que non o son; os controis parentais poden resultar moi útiles para impedir que nenos e adolescentes accedan a sitios web non axeitados”. Tamén están indicados para limitar o tempo que pasan conectados á Rede.
· Usar as redes sociais con cabeza. Os usuarios de redes sociais deben ter coidado co que comparten nelas, xa que non é conveniente compartir información persoal, incluíndo imaxes privadas, enderezos postais ou números de teléfono, levando un control exhaustivo das amizades e en redes sociais.

PUBLICIDADE