O CPEIG mostra hoxe no Colexio Junior’s de Santiago como traballar a prol das navegacións seguras

venres, 9 de marzo do 2018 Redacción

Este venres temos unha cita coas novas tecnoloxías e a educación no Colexio Junior’s de Santiago. Trátase da charla Educar na era das pantallas, que imparte o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, e que está prevista para as 16.00 horas na aula de conferencias do centro docente compostelán (emprazado, para quen non o saiba, no número 81 de Roxos – Silvouta). Na cita, Suárez mostrará ás nais e aos pais asistentes os criterios que deben manter á hora de educar ás súas crianzas en relación ás novas tecnoloxías e as redes sociais.

Fernando Suárez será a persoa encargada de impartir a charla

O presidente do CPEIG, para meternos en situación, adiántanos que segundo o estudo Screening do uso problemático de internet entre os adolescentes da comunidade galega (elaborado en 2014 pola Xunta, a USC e o Valedor do Pobo para coñecer os hábitos de uso de Internet entre os estudantes de ESO en Galicia), un 71% dos enquisados afirmaron que usaban acotío a Rede, o 13,5% conéctase máis de 5 horas ao día (22,9% na fin de semana) e un 81% accedía a través do seu móbil. Un dato a ter en conta é que, se atendemos a que xa pasaron catro anos dende a data en que foron presentadas as conclusións da enquisa, e valorando o medre progresivo das TIC nas nosas vidas e das nosas crianzas, é de supoñer que as devanditas cifras aínda serán maiores hoxe en día.
Suárez tamén fai fincapé en que “desta análise extráese que un 8,9% dos enquisados sentiuse algunha vez ameazado ou acosado a través de internet e o 6,8% ameazou ou acosou a alguén”. Ademais, engade, “detectouse un 4% de sexting ou envío de mensaxes sexuais polo móbil e un 31,4% recoñeceu ter contactado con descoñecidos a través da Rede, chegando nun de cada tres casos a quedar fisicamente con eles”.
Tendo en conta todo isto, o presidente do CPEIG comentará na charla desta sexta feira en Compostela todos estes perigos (ciberacoso, ciberbullyng, grooming, phising, os virus e os troianos, contidos desapropiados e contidos falsos, correos lixo, spam ou cadeas e a violación da privacidade) e os xeitos e combatelos. Neste contexto, Fernando Suárez recomenda aos pais e nais que advirtan ao seus fillos e fillas dos riscos dun uso inapropiado de Internet e de como facer unha navegación segura. Explicará tamén como poden protexer os menores a súa privacidade, ordenadores e rede.

PUBLICIDADE