O CPEIG mostrou na Mobile Week Coruña o vieiro para unha navegación segura

luns, 3 de decembro do 2018 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participou o pasado 24 de novembro na programación de Mobile Week Coruña, un evento tecnolóxico referencial que situou a cidade herculina, na súa primeira entrega, no epicentro do debate, a reflexión e a divulgación arredor das TIC. O implicación do colexio materializouse primeiro en dúas xornadas do programa Navega con Rumbo, destinado a alumnado, docentes e familias. Celebráronse no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña e tiveron como obxectivo guiar aos escolares para acadaren recursos que garantan que as súas sesións na Internet son seguras, responsábeis e útiles.

Un intre da sesión de Navega con Rumbo celebrada na Coruña/ Imaxe de Pedro Puig para El Ideal Gallego

Tamén se buscou dotalos de formación para que eviten ser vítimas de ciberacoso. Ao tempo, Navega con Rumbo adoita implicar directamente nas sesións divulgativas a nais, pais e profesores, e as sesións celebradas na Mobile Week Coruña non foron unha excepción.
Segundo fixo saber o CPEIG respecto dos métodos para conseguir navegacións de valor e protexidas, resulta de vital relevancia contarmos con contrasinais fortes, e mesmo ter un pequeno feixe deles para ir mudándoos cada pouco. O colexio tentou implicar ás nais e pais acudiron ao centro cívico, co fin de que “actúen como correa de transmisión”, orientando aos seus fillos no emprego das novas tecnoloxías. A entidade profesional tamén quixo poñer o foco no positivo das TIC, e de como ao final do camiño, malia os riscos e os usos erróneos das redes, as vantaxes prevalecen (con moito) sobre o demais: “A Internet é divertida e útil. Podes buscar información para realizar os teus traballos e tamén coñecer unha chea de persoas ou divertirte xogando”. En definitiva, as posibilidades son moitas, variadas e interesantes, pero cómpre usar o sentido común.
Amais das actividades no centro cívico, o colexio organizou en ExpoCoruña un obradoiro de pilotaxe de drons para nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos. E, finalmente, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a experta en seguridade en Internet e membro da xunta directiva do CPEIG, Pilar Vila Avendaño, participaron na mesa de debate sobre Ética e tecnoloxía, que se celebrou no Paraninfo da Universidade da Coruña ao abeiro da Mobile Week. Reflexionouse sobre as oportunidades e desafíos que ofrecen as novas tecnoloxías, a Intelixencia Artificial, o uso de datos persoais, os datos a gran escala (Big Data) e os límites que poden formularse neste eido.

PUBLICIDADE