O CPEIG organiza a Olimpíada Informática Galega 2022, en colaboración coa USC, a UDC e a UVigo

venres, 15 de outubro do 2021 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas (UDC, USC e UVigo), organiza a Olimpíada Informática Galega 2022 (OIG 2022), destinada a fomentar vocacións tecnolóxicas e capacitar á mocidade para afrontar algúns dos principais retos sociais, científicos, económicos e medioambientais dos nosos días.
De feito, as persoas participantes deberán resolver unha serie de problemas mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. O CPEIG fai saber que na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java e que “os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos”.
A Olimpíada Informática Galega 2022 desenvolverase o 4 de febreiro de 2022 de xeito presencial, sempre que a situación sanitaria o permita, e de maneira simultánea en tres sedes: A Coruña, Santiago e Ourense (Facultade de Informática da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo).
A inscrición a cada unha das sedes aínda non está aberta, pero si está operativa unha pre-inscrición que dará preferencia para a elección de sede na inscrición final, ademais do dereito a asistir de forma gratuíta a uns adestramentos en colaboración coa academia Leagues of Codes.
O CPEIG explica que estes adestramentos comezan este sábado, 16 de outubro, cunha proba de nivel que se poderá realizar durante toda a vindeira semana e “que permitirá asignar axeitadamente a cada estudante ao grupo que mellor se axuste aos seus coñecementos en programación para as seguintes clases, permitindo incluso que poidan asistir estudantes sen coñecementos previos de programación”, engade o colexio.
Este concurso de programación está orientado a estudantes de ensinanza secundaria, bacharelato e grao medio (ou equivalente). Permitirá seleccionar a dous representantes galegos para que participen na Olimpíada Informática Española, que se celebrará en abril de 2022. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto de 2022 en Indonesia.

PUBLICIDADE