O CPEIG outorga o XVI Premio Traballo Fin de Máster a Santiago Noriega polo seu proxecto TapIt
luns, 9 de xuño do 2025
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu outorgar o Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática a Santiago Noriega polo seu proxecto TapIt-Tarxetas de visita con tecnoloxía NFC para a nova era do networking profesional. Será entregado no marco da 12ª edición da Noite da Enxeñería Informática de Galicia, o vindeiro 27 de xuño en Santiago, no Hotel Puerta del Camino.
O Colexio profesional busca achegarse con este premio ao colectivo estudantil, promover as vantaxes da colexiación e estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíto, ao que se engade unha gratificación económica de 1.000 euros para a persoa gañadora. A avaliación dos traballos presentados, todos eles correspondentes ao fin de mestrado dos anos 2023, 2024 e 2025, correu a cargo dunha comisión experta integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas. Os tres finalistas da presente edición realizaron os seus Traballos de Fin de Máster na Universidade da Coruña (UDC).
O enxeñeiro en Informática e Máster Universitario en Enxeñaría Informática pola UDC, Santiago Noriega (Lugo, 2001), centra a súa carreira actualmente na análise de datos orientada á toma de decisións.
O proxecto TapIt é unha proposta emprendedora pioneira que, segundo salienta o CPEIG, “busca reinventar o networking profesional mediante o uso de tecnoloxía NFC aplicada ás tarxetas de presentación”. A iniciativa naceu da necesidade de modernizar unha ferramenta que leva séculos sen cambios significativos. Santiago Fernández-Noriega explica que TapIt permite que profesionais e empresas compartan información personalizada cun só toque, accedendo a un dominio específico onde se recollen datos de contacto, currículos, catálogos ou calquera outro contido relevante.
Santiago Noriega sinala que esta solución estrutúrase arredor dun produto físico, é dicir, a tarxeta NFC personalizada, e unha plataforma dixital que centraliza a información profesional do usuario no dominio tapit.es, aplicación reforzada coa ferramenta de personalización gráfica Pixelixe. Ademais, engade que TapIt contempla un módulo estatístico como servizo adicional, orientado a empresas que desexan analizar o rendemento comercial do seu persoal.
“TapIt non só é unha tarxeta de visita dixital, senón unha plataforma de relacións profesionais e intelixencia comercial, deseñada para potenciar a identidade profesional e a eficacia no intercambio de información. Representa unha aposta decidida pola innovación, a sustentabilidade e a dixitalización da interacción humana nun contexto empresarial en constante transformación”, explica Santiago Noriega.
Ademais, o gañador destaca que o Produto Mínimo Viable (MVP) de TapIt xa foi desenvolvido e validado de maneira práctica, xa que se mercaron lotes de tarxetas NFC a provedores especializados e programáronse coas URLs correspondentes, como a dispoñible na súa plataforma, onde se pode ver un dos perfís de usuario despregados. Este avance permitiu, segundo o enxeñeiro, realizar presentacións en eventos e a expertos do sector, obtendo valoracións positivas sobre a experiencia de usuario, o deseño intuitivo e a capacidade para substituír ás tarxetas tradicionais. TapIt, desenvolvido coa metodoloxía Lean, xa está presente en aceleradoras como Startup Programme, Santander X ou ViaGalicia, onde segue a madurar a súa proposta e busca financiamento para escalar o modelo e conseguir desde Galicia a súa expansión internacional.
Segundo Santiago Noriega, este recoñecemento servirá para apoiar a súa tecnoloxía na busca de financiamento e mesmo inspirar a outros estudantes a explorar a vía do emprendemento tecnolóxico e tamén para que as institucións recoñezan e valoren as achegas que nacen desde a base, cun claro impacto no desenvolvemento económico e tecnolóxico do país.
“Faime moita ilusión que se recoñezan traballos de fin de mestrado como o meu, que se afastan do traballo académico tradicional, demostrando que as institucións tamén teñen compromiso coa empresa. Aínda estou comezando no mundo, sempre agradezo á xente que me aconsella e me brinda a súa axuda. Tomar decisións en momentos clave pode resultar complicado, por iso sempre valoro contar coa voz da experiencia”, sinalou.
Finalistas do Premio TFM
Nesta décimo sexta edición do galardón foron finalistas David Esteban Martínez, como segundo clasificado, e Ángel Paderne Cózar, como terceiro, ambos da UDC. O proxecto do enxeñeiro en Informática David Esteban Martínez (A Coruña, 2021), titúlase Personalización, explicabilidade e sustentabilidade en sistemas de recomendación. Neste traballo, David Esteban enfrontou dous grandes retos actuais dos sistemas de recomendación: a necesidade de facer máis transparentes as súas decisións e a responsabilidade de reducir o seu impacto ambiental. Así, a través dun enfoque innovador e sostible, propuxo solucións que permiten mellorar a explicabilidade visual dos sistemas sen recorrer ao crecemento desmedido dos modelos, optando por técnicas de optimización da calidade dos datos de entrada.
Segundo explica, o traballo baseouse en tres liñas: a selección de novos exemplos positivos e negativos mediante Aprendizaxe Positivo e Sen Etiquetas ou Positive Unlabeled Learning; o aumento de datos a través de transformacións de imaxes e xeración con IA; e a mellora das vectorizacións de imaxes ou embeddings polos modelos. Ademais, engade que estas técnicas aplicáronse xa en tres modelos do estado da arte – ELVis, MF-ELVis e BRIE), utilizando reseñas de usuarios reais de Tripadvisor como conxunto de datos.
“Conseguimos incrementar o rendemento dos modelos ata nun 35 %, reducir o tempo de adestramento, e diminuír tanto o consumo enerxético como as emisións de carbono, acadando reducións de ata o 60 % nos mellores casos. Estes datos reflicten non só unha mellora técnica, senón tamén un compromiso decidido coa sustentabilidade e a eficiencia, en liña coas prioridades actuais da comunidade científica e normativa europea”, indica.
Finalmente, Ángel Paderne Cózar (Aldea del Fresno, Madrid, 1999), madrileño de nacemento aínda que coruñés de adopción con tan só un ano, foi o terceiro clasificado polo seu proxecto Sistema de alta seguridade baseado en Blockchain para a xestión privada de datos de pacientes de servizos de saúde dixital. O seu traballo busca dar resposta a un problema cada vez máis importante: como garantir a seguridade e o control dos datos médicos nun mundo dixital. Aínda que a tecnoloxía avanzou moito, os datos sanitarios seguen fragmentados entre sistemas públicos e privados, comunidades autónomas e mesmo países, dificultando o acceso completo á información dun paciente. A solución que propón Ángel Paderne aposta por “un rexistro único, seguro e accesible, que funcione sen importar onde se atope o paciente nin o tipo de sanidade da que dispoña”.
“Grazas á tecnoloxía blockchain, cada persoa podería decidir quen pode ver ou empregar os seus datos médicos, e os profesionais solicitar acceso de forma segura e transparente”, explica.
