O CPEIG premia ao CESEG polo seu traballo sobre manipulación informativa
luns, 27 de maio do 2024
- O profesor doutor José Julio Fernández Rodríguez, director do CESEG
Será na gala da XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o 21 de xuño en Santiago (Hotel OCA Puerta del Camino), cando o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) conceda o Premio Iniciativa da Administración ao Centro de Estudos de Seguridade (CESEG). Trátase dun centro mixto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Ministerio de Defensa do Goberno de España, polo seu traballo investigador sobre a manipulación informativa.
Segundo o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, este recoñecemento subliña a relevancia do traballo realizado polo equipo investigador para abordar un dos desafíos máis críticos de sociedade actual, a manipulación informativa, a desinformación.
Con este galardón, o Colexio recoñece o valor desta iniciativa, que vai máis alá do ámbito académico para ofrecer solucións que beneficien a toda a sociedade, ademais de celebrar o compromiso do CESEG coa mellora da seguridade e a calidade democrática na contorna dixital, á vez que reitera o seu apoio á loita por un espazo dixital “máis seguro, transparente e xusto”.
O CPEIG recalca a importancia da tecnoloxía como ferramenta clave na loita contra a desinformación, posto que as solucións tecnolóxicas permiten detectar patróns de manipulación e filtrar información falsa de maneira máis rápida e efectiva.
Achegándonos ao CESEG, con sede na Facultade de Dereito da USC, naceu en 2015 cando se formalizaron, baixo a fórmula de centro de investigación, un conxunto de actividades que se desenvolvían na USC desde décadas atrás, sobre todo ligadas ao que se chamaba o Seminario de Estudos de Seguridade e Defensa (USC-CESEDEN) baixo a dirección do profesor doutor José Julio Fernández Rodríguez.
O director do CESEG explica que o centro configúrase como un foro de estudo, investigación, formación e divulgación académica, que busca liñas de análise dinámicas e multidisciplinares, contribuíndo así á difusión e mellora da cultura da seguridade e da paz. Realízanse estudos sobre xeopolítica, intelixencia, xeoestratexia, conflitos internacionais, terrorismo, crime organizado e seguridade enerxética ou seguridade ambiental.
José Julio Fernández destaca que particular interese teñen os temas de ciberseguridade e ciberdefensa, que son obxecto de atención constante nas actividades que se desenvolven no centro.
O comité científico do CESEG inclúe profesores e investigadores de 25 entidades de relevante prestixio que se sitúan en 12 países. O CESEG acolle tamén: actividades de formación de posgraduado, xornadas divulgativas, conferencias, estancias de investigación, publicacións de libros colectivos, ditames e informes, sesións de análise e a edición dunha revista específica do centro, chamada Gladius et Scientia.
Outro aspecto imposrtante a salientar é colaboración do CESEG con outras institucións académicas e de seguridade, como o Instituto Español de Estudios Estratégicos, o Centro Nacional de Inteligencia, o seu Centro Criptológico Nacional, distintas embaixadas (Portugal, Italia, Brasil, Estados Unidos, Rusia, Francia, Perú, México ou Chile), a OTAN, a Unión Europea, o Consejo de Europa, o Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, a UNESCO ou ACNUR.
O CESEG desenvolve na actualidade un proxecto internacional de investigación: A manipulación informativa como problema de seguridade e de calidade democrática: descrición, consecuencias e respostas. Intégranse no proxecto 20 universidades de 6 países, baixo a coordinación e dirección do CESEG. O obxectivo deste proxecto é coñecer como funcionan os procesos, accións e estratexias de manipulación da información; especificar as consecuencias da manipulación para a seguridade e calidade democrática; e dar respostas concretas á manipulación no ámbito xurídico, das políticas públicas e da educación, no marco do Estado de Dereito.