O CPEIG premia o emprendemento e as contribucións á computación paralela da coruñesa Appentra

martes, 27 de outubro do 2020 Fernando Sarasketa

Manuel Arenaz, co-fundador de Appentra

Prosegue a chuvia de recoñecementos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia: a habitual serie de distincións ás nosas empresas, profesionais, institucións, organizacións e persoas investigadoras que concede o CPEIG no marco da súa gala anual, a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que este 2020 chega á súa duodécima edición. Segundo puidemos saber, o Premio Iniciativa Emprendedora irá dar este ano á firma coruñesa Appentra, pola súa contribución no “desenvolvemento de ferramentas que axilizan a computación paralela”, amais de polo seu “espectacular proceso de medre dende o seu nacemento en 2012 como spin-off da Universidade da Coruña”.
Appentra, empresa global de Deep Tech (empresa baseada nun descubrimento científico ou innovación de enxeñaría significativa), xurdiu “cunha predición visionaria, a computación paralela”. O seu director executivo (CEO) e co-fundador, Manuel Arenaz, engade ao fío desta tecnoloxía que se trata “dun paradigma de programación clave para alcanzar rendemento, que anteriormente empregábase case en exclusiva no nicho dos supercomputadores pero que hoxe en día foi quen de espallarse a toda a industria do software”.
Sobre estes alicerces, Appentra creou importantes vantaxes competitivas e situarse “na primeira liña do espazo informático da computación paralela para programar o hardware moderno coa creación do suite de ferramentas Parallelware”, salienta o CPEIG, facendo fincapé nas posibilidades que esta suite abre para desenvolver software paralelo do xeito máis rápido, eficaz e eficiente posíbel, “garantindo as mellores prácticas de programación e facilitando un mellor uso do hardware de computación en paralelo”. O colexio tamén enxalza a capacidade de de Appentra para construír, en colaboración con expertos en programación multinúcleo e GPU, un catálogo aberto de boas prácticas de defectos e recomendacións para a programación paralela co fin de establecer as mellores prácticas nesta disciplina de desenvolvemento de software.
“A tecnoloxía Parallelware de Appentra axuda a acelerar o tempo de execución do software, reducindo o esforzo de desenvolvemento e procurando a detección e xeración de código paralelo sen erros, para Intelixencia Artificial, Internet das Cousas, Big Data e Edge Computing”, explica Arenaz, lembrando que a tecnoloxía Parallelware foi concibida e deseñada en Europa aproveitando os resultados de máis de dez anos de investigación na UDC e que xa lle permitiu á compañía obter clientes de referencia en EE UU, Arabia Saudita e Europa. Así mesmo, puido establecer colaboracións estratéxicas con centros académicos e gobernamentais de referencia como ORNL (EE UU), JSC (Alemaña) e BSC (España), e materializar alianzas con empresas multinacionais de prestixio para vender estas ferramentas Parallelware a escala mundial.
Appentra conseguiu neste tempo un total de dezasete recoñecementos nacionais e internacionais, como o premio na categoría Ciencia Innovadora no Innovation Radar Prize 2020 da Comisión Europea, finalista no Top 100 da competición Santander X Global Award (2020), finalista no South Summit Startup Competition 2019 na categoría Cutting Edge Technologies, e seleccionada Emerging Technology nos eventos Supercomputing SC18 e SC16, o máis importante a nivel mundial de computación de alto rendemento (High Performance Computing) que se celebra anualmente en Estados Unidos.
A gala das informáticas e informáticos da nosa terra, en novembro
A que en palabras do colexio é “a gala máis importante da informática en Galicia” celebrarase o finalmente o vindeiro 27 de novembro (*cambio na data inicial do 30 de outubro polas novas restricións*) no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, este ano cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.

PUBLICIDADE