O CPEIG premia os programas #IMPACT da Fundación GoodJob

martes, 21 de xuño do 2022 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia á Fundación GoodJob polos seus programas #IMPACT de empregabilidade, online e de carácter gratuíto, impulsados co obxecto de dar acceso ao mercado de traballo ordinario a persoas con discapacidade no sector da tecnoloxía.
A Fundación GoodJob é unha organización sen ánimo de lucro destinada a mellorar a inserción laboral e fomentar a empregabilidade de persoas con discapacidade, buscando a súa integración no mercado laboral, con autonomía económica da persoa, a mellora da súa autoestima e o sentimento de pertenza á comunidade, co obxecto de garantir a súa igualdade de oportunidades e a plena integración na sociedade. “Pretendemos con los Programas #IMPACT que las personas con discapacidad reciban la capacitación necesaria para acceder a un empleo en el sector tecnológico con una alta demanda de profesionales, con posibilidades de crecimiento laboral y empleo estable” –explica o director da Fundación GoodJob, César López García.
A pesar dos avances logrados nos últimos anos en materia de inserción por parte de axentes políticos, sociais e empresariais, a Fundación GoobJob sinala que unha de cada catro persoas con discapacidade en idade activa non ten traballo e moitas das que si traballan fano en sectores nicho ou empregos de baixa calidade e retribución. Neste punto, a Fundación GoodJob propón un novo modelo no que se aposta pola integración das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través de accións de formación profesional para o emprego, rutas de inserción socio laboral para superar situacións de exclusión, plans de integración laboral xunto ás empresas e con acompañamento por parte da Fundación, proxectos e programas e intermediación laboral.
O Programa IMPACT#include forma a 246 persoas con discapacidade no sector da ciberseguridade nas súas cinco edicións, cunha empregabilidade do 85% e a participación de 35 entidades colaboradoras
Os programas #IMPACT teñen como obxecto ofrecer un maior abanico de actividades de base tecnolóxica, permitindo unha maior diversidade de roles e postos de traballo; crear máis capacitacións de impacto que permitan o acceso ao emprego nun período máis curto de tempo; aportar emprego con apoio intensivo por parte dun equipo multidisciplinar de profesionais da Fundación GoodJob; e fomentar a participación de profesionais das empresas na capacitación do participantes.

PUBLICIDADE