O CPEIG presenta un novo premio para recoñecer o labor dos comunicadores de informática

mércores, 6 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Non abonda con ter un sector TIC con amplo potencial e uns profesionais perfectamente capacitados. Tanto eles mesmos como sobre todo os comunicadores e os xornalistas especializados teñen que saber dar conta dese potencial, que non fique ren no tinteiro e que a mensaxe chegue á maior cantidade de xente posíbel. Recoñecer este labor é o gran obxectivo do Premio Comunicación Informática que vén de convocar por vez primeira o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). O certame, que xa está aberto á presentación de candidaturas, fallarase o vindeiro mes de outubro, estando prevista a entrega do galardón no decurso da Terceira Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.
Como dixemos, o gran obxectivo do CPEIG ao convocar este recoñecemento é salientar o labor dos profesionais dos medios con difusión na nosa terra a prol do coñecemento do sector TIC e, tamén, da profesión de Enxeñaría en Informática. As propostas aspirantes ao premio deberán vir con feitura de traballo ou de conxunto de traballos nos que se plasme o devandito valor divulgativo. Poderanse achegar artigos ou reportaxes publicados tanto en prensa escrita como dixital, en medios radiofónicos ou televisivos.
A persoa gañadora recibirá unha estatuíña conmemorativa e un bono regalo no Hotel Louxo da Toxa, que inclúe: dúas noites de aloxamento e almorzo para dúas persoas, sesión diaria no parque mariño, convite ao Casino da Toxa e un cóctel de benvida.
O prazo de presentación remata o vindeiro 15 de setembro.
Este recoñecemento enmárcase nos Premios da Terceira Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o ente colexial organizará no mes de outubro, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE