O CPEIG presenta un recurso contra un proceso selectivo da Xunta por non requirir a titulación de Enxeñaría en Informática

mércores, 4 de abril do 2018 Redacción

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) presentou un recurso de reposición contra a Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no subgrupo A1 de escala de sistemas e tecnoloxía da información.
Centrado na defensa dos intereses dos seus colexiados e colexiadas, o CPEIG considera que esta orde, na que se especifica que é un proceso selectivo para unha praza funcionarial con funcións e competencias definidas e caracterizada por un perfil «extraordinariamente técnico», non cumpre coa definición do posto requirido.
No apartado de titulación, indícase que é preciso estar en posesión ou en condicións de obter o título de licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama. En aras da defensa do interese xeral e do principio de eficacia que debe primar na actuación dunha Administración Pública, o CPEIG argumenta que a única titulación que acredita unha formación axeitada para o desenvolvemento das funcións que se definen aos postos convocados é a de Enxeñería en Informática.

PUBLICIDADE