O CPEIG recoñecerá con 1.000 euros o traballo gañador do seu Premio Fin de Carreira

martes, 6 de marzo do 2018 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de convocar a novena edición do seu premio adicado a recoñecer o espírito innovador, creativo e investigador dos nosos futuros profesionais das novas tecnoloxías da información. Estamos a falar do Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática. O galardón, en palabras da entidade profesional galega, quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática.
Tal e como se recolle nas bases do certame, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en Informática que presentaran nunha universidade galega o proxecto fin de carreira da Enxeñaría en Informática ou o traballo fin de Máster en Enxeñaría Informática nos anos 2016, 2017 e 2018.
O CPEIG tamén fai saber que aqueles estudantes que queiran optar ao premio poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) até o día 10 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñíbeis no portal www.cpeig.gal.
Con esta distinción, a entidade que preside Fernando Suárez ten o obxectivo de aproximarse á nosa comunidade de estudantes e “defender as vantaxes de colexiárense”, ademais de “estimular o seu traballo”.
Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación de balde e a asistir de maneira gratuíta á gran celebración TIC da nosa terra, a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.
Amais, a gañadora ou gañador recibirá unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os proxectos recibidos e seleccionará o traballo gañador.
Noite da Enxeñaría en Informática
A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o colexio organizará o día 15 de xuño, en Santiago de Compostela. O CPEIG lembra que este evento anual, “ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados”, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.

PUBLICIDADE